Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO COLABORA COA ASOCIACIÓN MULLERES ÁRTABRAS NA ORGANIZACIÓN DA XORNADA "O EMPRENDEMENTO É PARA TODAS"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento acompañada por por Marga Carballo, Noelia Paz, Cristina López e Sabela Docampo presidenta, vicepresidenta, asociada e vogal, respectivamente da entidade
Narón, 25 de outubro de 2023. A asociación de mulleres emprendedoras Mulleres Ártabras celebrará o vindeiro 19 de novembro na cidade a xornada “O emprendemento é para todas”. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presentou esta mañá o evento acompañada por Marga Carballo, Noelia Paz, Cristina López e Sabela Docampo presidenta, vicepresidenta, asociada e vogal, respectivamente da entidade. Ferreiro avanzou que a convocatoria se levará a cabo no Auditorio municipal, en horario de mañá e tarde, e avanzou que se trata dunha proposta “dirixida á cidadanía en xeral, non só a persoas emprendedoras, e cun apartado moi importante que son uns obradoiros para nenas e nenos co fin de facilitar a conciliación ás persoas que participen”. O prazo de inscrición está xa aberto, podendo facelo, de balde, a través do enlace: https://tinyurl.com/24cdmkuj. A apertura de portas será ás 9.00 horas e ás 9.45 dará comezo o acto oficial de presentación do evento, que contará coa asistencia da alcaldesa da cidade. A continuación, dende as 10.00 horas, sucederanse obradoiros de robótica con Lego para menores (3 a 14 anos), a cargo de Marga Carballo; de xestión do tempo -10.30 horas-, con Andreina Aular; de master chef para nenas e nenos -11.00 horas- (3 a 14 anos), con Eva Oído Cocina; de mantemento corporal -11.40-, con Tamara López, de márketing dixital -13.00-, con Nini Pérez e Cris López e de robótica con Lego para menores -13.00- (3 a 14 anos), con Marga Carballo. A media xornada, sobre as 12.10 horas, as persoas que acudan participarán nunha sesión de café networking. Pola tarde retomarase a actividade ás 16.00 horas, cunha sesión sobre coidado da mente e do corpo a cargo de Samsara Integral, ao tempo que se levará a cabo un obradoiro de lettering para menores (3 a 14 anos), con Bárbara Rico. A partir das 17.00 as nenas e nenos (5 a 14 anos) poderán asistir a un obradoiro artístico/cianotipia, con Laura Bouza - Laudas Calamity e ás 17.10 horas iniciarase unha sesión de desenvolvemento de habilidades emprendedoras, con Marga Carballo. Tralo café networking, procederase ao peche do evento, ás 19.00 horas. A presidenta de Mulleres Ártabras explicou que un dos obxectivos desta convocatoria “é que as persoas emprendedoras e a cidadanía en xeral aprendan unha serie de técnicas e habilidades que lles aporten no seu día a día”, incidindo en que “a práctica totalidade das propostas impartiráas persoal de Mulleres Ártabras”. Marga Carballo destacou tamén que se trata de sesións “nuns casos máis teóricas e noutros máis prácticas pero nas que estará moi presente a interacción cos asistentes”. “Traballarase co corpo e coa mente, recollendo todos os ámbitos do emprendemento para buscar un equilibrio persoal que poidan trasladar á súa vida e tamén a ese emprendemento, aprendendo a xestionar o tempo, a frustración… algo que todas e todos precisamos e que debemos aprender a xestionar”, recalcou. Pola súa banda, Marián Ferreiro felicitou á asociación de mulleres emprendedoras polo seu labor durante este ano. “Sodes un exemplo para as persoas emprendedoras en xeral e para as mulleres que emprenden en particular, un referente que temos a sorte de contar con el nesta cidade e que dende o pasado mes de xaneiro, coa constitución oficial como entidade, estades realizando un traballo exemplar”. A alcaldesa agradeceu “a implicación de todas as persoas que estades tras esta iniciativa na que é todo un orgullo, como alcaldesa e como muller poder colaborar”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal