Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO AVANZA NA TRAMITACIÓN DO NOVO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL
O edil Manuel Ramos presidiu a Comisión de Seguemento do PXOM celebrada no Consistorio
Narón, 13 de decembro de 2023. O goberno local continúa avanzando na tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Con esa finalidade acolleu hai uns días a reunión da Comisión de Seguemento, presidida polo edil Manuel Ramos e na que se presentou o documento de revisión do PXOM. Os grupos políticos da corporación local analizarán o citado documento, que se someterá a aprobación inicial na pertinente sesión plenaria, tal e como marcan os trámites que se seguen neste tipo de procedementos. Ramos explicou que con este novo PXOM dende o Concello se perseguen varios obxectivos, entre eles, adaptarse á actual normativa en materia de planeamento urbanístico e tamén realizar un uso máis racional dos recursos e sostibilidade. “O novo plan urbanístico permitirá ademais mellorar a conexión entre barrios e, ao mesmo tempo, ampliar os corredores verdes perimetrais con conexións con zonas verdes interiores”, apuntou o edil naronés. O PXOM é un documento transversal, que se integra no Plan de mobilidade de Narón aprobado recentemente e no que se ten moi en conta a perspectiva de xénero, priorizando áreas como a conciliación da vida familiar e laboral, a mellora da calidade de vida, a seguridade, etc. Outra das novidades do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Narón é a inclusión, segundo avanzou Ramos, de novas modalidades de vivenda, entre as que se incorporan as comunitarias –cohousing-; as colectivas, as residenciais con actividade produtiva… Nesta área, contémplase tamén o incremento dos núcleos rurais, pasando de 800 a 1.000 hectáreas e a creación de preto dun centenar de bolsas de solo urbano non consolidado que se poderían desenvolver con cargo a plans especiais de reforma interior impulsados polos promotores. Así mesmo, o novo documento presta especial atención ao solo industrial, potenciando a súa oferta e tamén a do terciario a través dun total de sete bolsas de solo urbanizable a desenvolver a través de plans parciais. En canto ás áreas dotacionais, destaca tamén no novo PXOM a creación dunha zona dotacional nas inmediacións do novo centro de saúde, na que se poderían instalar novos servizos sociosanitarios ou de carácter asistencial, segundo avanzou o concelleiro naronés. “O novo plan xeral permitiranos dispoñer dun documento de ordenación urbanística que faga fronte ás actuais necesidades da nosa cidade, dándolles a resposta que precisan, e tamén permitirá afrontar eses retos marcados para o futuro de Narón, traballando sobre a innovación, o medio ambiente e a sostibilidade e en áreas como a vivenda ou o transporte”, apuntou Ramos.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal