Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
POBOADOS DE NADAL, O NAVITRÉN, UNHA XORNADA MOTEIRA, MÚSICA, ACTIVIDADES DEPORTIVAS E A CABALGATA DE REIS, NA PROGRAMACIÓN DE NADAL DO CONCELLO
A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou hoxe no Concello as diferentes propostas, para persoas de todas as idades
Narón, 21 de decembro de 2023. A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou esta mañá a programación de Nadal do Concello de Narón. Na xornada de mañá venres comezarán a desenvolverse varias propostas dirixidas a persoas de todas as idades e que se levarán a cabo en diferentes ubicacións do termo municipal, tal e como indicou a edil. O Navitrén que percorrerá algunhas das principais vías da zona urbana comezará a funcionar mañá. En colaboración coa Asociación de Comerciantes de Narón o Concello pon de novo en marcha esta proposta, de balde e para a que as nenas e nenos deben obter os tickets da viaxe por compras realizadas nos establecementos adheridos á campaña. O Navitrén sairá os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e o 2, 3 e 4 de xaneiro da estrada de Castela –nas inmediacións da Casa da Cultura-. Terá dous percorridos, un curto que se realizará en horario de tarde pola estrada de Castela, as rúas Rafael Bárez, Vigo, a avenida Concepción Arenal, estrada da Gándara e Bispo Argaya, e outro máis longo, en horario de mañá dende o Concello ata o muíño de Xuvia, pola estrada de Castela. As saídas serán ás 12:00 e 13:00 horas pola mañá e ás 16:00, 17:00. 18:00, 19:00 e 20:00 horas polas tardes. Tamén mañá abrirán as súas portas os Poboados de Nadal, instalados na Praza da Gándara e que estarán operativos ata o 5 de xaneiro –excepto nas xornadas dos días 25 de decembro e 1 de xaneiro-. As persoas que se acheguen poderán realizar algunhas compras nos postos instalados, e tamén participar en diferentes xogos –pesca-pica, o porquiño comedoiro, caldeiro ball, toca a campá, atrapa patos, peta globos e o xogo da rá-. Haberá tamén un espectáculo con animación musical, “Cantabaila”, o día 26 ás 17:30 horas, e unha festa infantil de Fin de Ano, o día 30 de decembro tamén ás 17:30. O Circo Mágico de Navidad regresa tamén este venres e sábado ao Pazo da Cultura, con funcións mañá ás 20:00 horas e o sábado ás 17:30 e ás 20:00 horas. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura. As propostas continuarán este sábado, co “Torneo de Nadal de Xadrez” organizado polo Concello e o Círculo Xadrez Narón” no local social do Alto, de 10:00 a 18:00 horas e o “XIV Torneo de voleibol Cidade de Narón”, organizado co Club Narón Volea, no pavillón Campo da Serra e que dará comezo ás 9:00 horas. O sábado regresa tamén unha nova edición, a décimo terceira, da “Xornada moteira solidaria”, organizada co Motoclub Fojeteiros, que sairá ás 16:30 horas das inmediacións da Praza de Galicia e para a que haberá algunhas restricións no tráfico ao paso da mesma. Os moteiros e moteiras, vestidos para a ocasión, sairán cara á avenida Souto Vizoso para dirixirse á estrada de Castela e a Ponte das Cabras para dende alí invertir o sentido da marcha para ir á Concepción Arenal, Pintor Sotomayor, estrada da Gándara, avenida Souto Vizoso, Camiños da Veiga e Cornido, estrada Conde Fenosa, estrada de San Xiao, estrada de Castela e rúas 25 de Xullo e 10 de Marzo para regresar de novo á Praza de Galicia. Está prevista a chegada a esta última ubicación ás 17:15 horas, onde amenizarán a xornada a charanga de Alxibeira e O aghrú das Pepas, haberá unha chocolatada e recibirase a Papá Noel. Na citada ubicación haberá un espazo para doar alimentos non perecedoiros, roupa e xoguetes para o Centro de Recursos Solidarios de Narón. Xa pola noite, tamén o sábado, será o festival Rock Narón, coas actuacións de “La Fuga”, “Cranio” e “NoRem” a partir das 22:00 horas baixo a carpa da Praza de Galicia. A entrada é de balde. O vindeiro martes, día 26, a Biblioteca municipal acollerá un obradoiro de cantos de Nadal, organizado en colaboración coa Asociación de Comerciantes de Narón. Está aberto á participación da cidadanía en xeral e impartirano Pablo Díaz e Olga Kirk, que sairán cos asisitentes a cantar por locais comerciais da zona do Alto. A proposta require inscrición previa na propia Biblioteca. O venres 29 de decembro celebrarase o Concerto de Fin de ano da Xove Banda de Narón e a Banda infantil da Agrupación Cultural Musical Sementeira. Será ás 19:30 horas no Pazo da Cultura e a entrada, que se pode adquirir no despacho de billetes do Pazo- ten un prezo de dous euros. O 31 de decembro retomarase outra das citas deportivas tradicionais da cidade, a “Trintaeundoce”, a San Silvestre naronesa, organizada coa Agrupación Deportiva Náutico de Narón. Dará comezo ás 16:30 horas e os participantes, en función da idade, realizarán un percorrido diferente por un tramo da estrada de Castela. As inscricións poden tramitarse ata o día 25 ás 23:59 horas a través da web: www.galitiming.com. O 1 de xaneiro, tralas campanadas –sobre as 01:00 horas- dará comezo a Festa de Fin de ano, baixo a carpa da Praza de Galicia e con entrada de balde. Despois da sesión de fogos de artificio actuarán a orquestra Olympus e o grupo Claxxon. A programación de Nadal rematará coa Cabalgata de Reis, o día 5 ás 18:00 horas con saída da Praza do Colexio de Xuvia, un pasarrúas pola estrada de Castela e a recepción aos Reis Magos na Praza de Galicia. Aínda permanece aberto o prazo para inscribirse como paxe nas carrozas da comitiva, podendo facelo menores de 3 a 16 anos. As persoas interesadas poden tramitalas ata o vindeiro martes, día 26, na Sede Electrónica do Concello ou a través do Rexistro. O sorteo das prazas, 36 para menores de 3 a 12 anos e nove para os de 12 a 16, será público e terá lugar o día 27 de decembro, ás 13:00 horas, no salón de plenos do Concello. As nenas e nenos que o desexen poden xa deixar as súas cartas aos Reis nos buzóns instalados para tal fin na entrada do Concello, na Biblioteca municipal, no Pazo da Cultura e no complexo polideportivo municipal da Gándara.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal