Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
AXENTES SOCIAIS E ECONÓMICOS DA CIDADE PARTICIPARON ONTE NAS SESIÓNS DA AXENDA URBANA 2030 CELEBRADAS NO CONCELLO
A edil de Participación Cidadá e Promoción Económica, Olga Ameneiro, acudiu ás dúas convocatorias
Narón, 22 de decembro de 2023. O Concello acolleu na tarde de onte dúas novas sesión participativas da Axenda Urbana 2030 de Narón. A primeira convocatoria, con axentes sociais e económicos da cidade, levouse a cabo a partir das 17:00 horas, e no transcurso da mesma informouse aos asistentes de que actualmente se está desenvolvendo unha estratexia territorial integrada para elaborar a continuación un Plan de Acción Local. A edil de Participación Cidadá e Promoción Económica, Olga Ameneiro, estivo presente na convocatoria, á que asistiron representantes dos citados sectores. Na reunión, persoal técnico explicou que a cidade ten a posibilidade de optar a unha nova convocatoria de fondos europeos en solitario, sen ter que optar ás mesmas conxuntamente con Ferrol, como no caso de Edusi, debido a cuestións poboacionais. “É moi importante marcar unhas liñas de actuación e os obxectivos de cara ao ano 2030 e queremos que se faga de xeito consensuado para contar cun documento realista e viable”, indicou a edil. No plan a desenvolver concretaranse as iniciativas, tanto públicas como privadas, que se queiran levar a cabo nese período, marcando na estratexia as posibles liñas de financiación. As actuacións deberán ter, tal e como se indicou, unha triple finalidade: mellora da dimensión física e ambiental, mellora da dimensión económica e a competitividade e mellora da dimensión social deses territorios. “Para acadar eses fins é imprescindible que os axentes sociais, económicos e as administracións traballen na mesma dirección”, apuntou Ameneiro. As persoas interesadas en colaborar poden aínda facelo a través da plataforma cidadá Narón Participa, dende a web do Concello, onde está publicada información de todo o procedemento. O persoal que acudiu á convocatoria plantexou algunhas propostas que se recolleron no transcurso da mesma e tamén se comprometeu a continuar analizando os posibles ámbitos susceptibles de melloras. En xaneiro de 2024 dará comezo o período de retorno de resultados do proceso de participación, que valorará previamente persoal técnico municipal. A través do Plan de Acción Local, no marco da Axenda Urbana Española, os concellos terán máis posibilidades para obter financiamento europeo a través do Marco Financieiro Plurianual 2021-2027. A continuación, sobre as 18:30 horas, deu comezo o Consello Xeral de Participación Cidadá, no que ademais da edil responsable da área estiveron presentes o concelleiro de Servizos e Medio Ambiente, Manuel Ramos, representantes de todos grupos políticos da corporación local, persoal da Escola de Participación Cidadá de Narón e integrantes das entidades veciñais de San Xiao, O Val, A Gándara, O Couto e da Sociedade Cultural Areosa. No Consello Xeral de Participación informouse tamén, por parte do equipo responsable da estratexia, sobre o proceso de participación no marco da elaboración da ETI e o Plan Estratéxico de acción Local de Narón 2030. A maiores, abordouse o estado actual do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, que se prevé aprobar o vindeiro ano e tamén o plan de implantación inicial de recollida da fracción orgánica de residuos sólidos urbanos, para a continuación abrir un período de diálogo entre os asistentes.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal