Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PROGRAMA APEGO OFRECE SEIS ESPECTÁCULOS PARA PÚBLICO FAMILIAR NO CENTRO CÍVICO SOCIAL DE SAN XIAO
As familias interesadas en asistir poden anotarse, de balde, tal e como indicou a concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo
Narón, 9 de xaneiro de 2024. O programa Apego ofrecerá entre este mes e o vindeiro marzo un total de seis espectáculos dirixidos a público familiar e infantil. A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, avanzou que se levarán a cabo no centro cívico social de San Xiao, en todos os casos, a partir das 17:30 horas, e informou que as persoas interesadas en asistir, poden xa anotarse. A primeira das propostas será o 17 deste mes, “Provocacións de inverno”, de Melissa Cimas e tamén este mes se poderá ver “Xela, a superheroína de aldea”, de Inma Soto. En febreiro haberá tamén dúas propostas, o día 7 “Os tres porquiños”, de Migallas Teatro, e na xornada do 21 “Arrolar”, de Fundación Legar. Finalmente, en marzo o día 13 poderase ver “O peirao”, de Diáspora Teatro e o 20 “Casa, casiña, casona”, de Marta Ortiz. A información ao completo de cada un dos espectáculos pode consultarse a través da web: www.naronengalego.gal, no apartado de actividades. A edil naronesa recordou que este programa, impulsado a través do Servizo de Normalización Lingüística de Narón, ten entre os seus obxectivos arroupar a crianza en galego, mellorar a socialización en lingua galega das crianzas e crear redes e comunidade que apoien e sosteñan o uso da lingua nun contexto familiar, lúdico e interactivo. Contos, música, teatro, maxia, humor… formarán parte destas propostas dirixidas ás familias de Narón. Para inscribirse nestas propostas –de balde- é preciso enviar un correo electrónico ao mail a.pita@naron.gal indicando o nome da actividade, o nome e idade da nena ou neno e do pai, nai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. A participación, está limitada a un máximo de 25 nenas ou nenos por xornada, que deberán ir acompañados de como mínimo unha persoa adulta e será por estrita orde de inscrición.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal