Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO E A ASOCIACIÓN MEMORIA HISTÓRICA DEMOCRÁTICA CELEBRARON UN ACTO CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DE CONMEMORACIÓN EN MEMORIA DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu o acto, acompañada por representantes da corporación local, da Asociación Memoria Histórica Democrática, profesorado e alumnado do colexio Jorge Juan e dous integrantes da Agrupación Cultural Musical Sementeira
Narón, 26 de xaneiro de 2024. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá o acto organizado xunto coa Asociación Memoria Histórica Democrática con motivo do Día Internacional de conmemoración en memoria das vítimas do Holocausto. Ferreiro estivo acompañada pola concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, os voceiros de TEGA, Román Romero e do PSOE, Silvia de Arriba e a concelleira do BNG Beatriz Mosquera. Así mesmo, estiveron presentes o presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, Manuel Pita, e outros integrantes da entidade, profesorado e alumnado do colexio Jorge Juan, convidado este ano ao acto e dous integrantes da Agrupación Cultural Musical Sementeira, que amenizaron a convocatoria. Ferreiro deu a benvida aos asistentes ao acto e agradeceulles a súa participación no mesmo. A rexedora local recordou que “esta data supón un recoñecemento, unha homenaxe a eses milleiros de persoas, algunhas delas da nosa comarca, vítimas inocentes do goberno da Alemaña nazi pola súa raza, relixión, creencias políticas ou orientación sexual e resultaron cruelmente asasinadas durante o Holocausto”. Así mesmo, incidiu no feito de que “esa atrocidade, ese violento crime, non debe quedar no esquecemento e por iso queremos recordar hoxe a todas esas persoas, manténdoas vivas na nosa memoria e, ao mesmo tempo, condenando ese xenocidio, o máis cruento da historia da humanidade, para que non se volva a repetir”. Finalmente, recalcou que é preciso continuar avanzando cara a unha sociedade que respecte plenamente os dereitos da sociedade de cara a erradicar “calquera intolerancia, calquera discurso ou acción de odio que leve implícitos actos violentos contra as persoas”. A continuación, Manuel Pita recordou que a asemblea xeral das Nacións Unidas decidiu no ano 2005 designar o 27 de xaneiro Día Internacional de conmemoración en memoria das vítimas do Holocausto. Foi Pita o encargado de ir chamando aos alumnos e alumnas que acenderon as seis velas: Roi Leiras, en memoria dos seis millóns de xudeos asesinados; Desiré Castro, para recordar ao millón e medio de menores que perderon a vida nas cámaras de gas; Valentina Lostre, polos españois asesinados nos campos de concentración; Carla Vilariño, polos restantes colectivos perseguidos polos nazis (discapacitados, esclavos, homosexuais…); Hugo Pita, polos xustos entre as nacións e Ricardo Pacheco, por todos os supervivintes no Holocausto. Finalizado o acendido procedeuse a gardar un minuto de silencio. Os participantes no acto visitaron previamente na Biblioteca municipal a exposición “Galegos en Mauthausen”, con corenta imaxes e outros documentos que amosan as duras condicións de vida no campo de concentración. Poderase ver ata o 30 de xaneiro na sala de exposicións da planta soto e permanecerá aberta de luns a venres, en horario de 17.00 a 20.00 e os sábados de 10.00 a 13.00. Pódense concertar visitas guiadas a través do número de teléfono 981 382 173.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal