Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ANIMA AO SECTOR HOSTALEIRO LOCAL A INSCRIBIRSE NO "IX CONCURSO DE TAPAS DE ENTROIDO" QUE SE CELEBRARÁ EN FEBREIRO
A edil de Promoción Económica, Olga Ameneiro, avanzou que haberá premios para os establecementos participantes e para a clientela
Narón, 26 de xaneiro de 2024. O Concello abriu hoxe o prazo de inscrición na novena edición do “Concurso de tapas de Entroido” que se celebrará o vindeiro mes de febreiro na cidade. A concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, convidou aos hostaleiros e hostaleiras da cidade a sumarse a esta iniciativa gastronómica que ten entre os seus obxectivos dinamizar o sector durante a tempada de Entroido. O certame desenvolverase do 8 ao 15 de febreiro, un periodo no que nos locais participantes se deberán servir as tapas, valorándose o uso de produtos típicos da tempada de Entroido. Unha das novidades deste ano, tal e como se reclamaba dende o sector, é que a clientela terá que abonar dous euros por cada unha das tapas. Cada establecemento poderá presentar ao certame unha única tapa, que pode ser doce ou salgada. O certame contempla dous premios en metálico para os establecementos participantes que decidirá un xurado profesional e outro popular, un de 500 euros e outro de 300, e tamén tres ceas para a clientela, valoradas en 100 euros cada unha, que deberán ter lugar como prazo máximo ata o 15 de marzo nalgún dos establecementos de hostalería que participen na campaña. Aqueles establecementos interesados en participar deberán anotarse –ata o 2 de febreiro ás 12:00 horas- a través do correo electrónico: me.mendez@naron.gal, indicando o seu nome e apelidos, un teléfono de contacto, o nome do establecemento hostaleiro e a dirección, o nome da tapa coa que participarán e os seus ingredientes (especificando alérxenos) e o horario de servizo. Tamén se pode solicitar máis información a través dese mail ou chamando por teléfono ao número 981 337 700 (extensión 1204). “Queremos animar aos hostaleiros e hostaleiras locais a sumarse a esta iniciativa, que todos os anos ten moi boa acollida e a través da que queremos poñer en valor a variedade e calidade da hostelería local, un sector cunha ampla representación e que ofrece produtos de gran calidade á clientela”, asegurou Olga Ameneiro. A concelleira naronesa agradeceu de antemán “o respaldo que o sector ofrece a este tipo de iniciativas impulsadas dende o goberno local e a súa vontade para traballar conxuntamente e ofrecer iniciativas como estas ás veciñas e veciños non só de Narón senón tamén doutros concellos que queiran achegarse a degustar, neste caso, esas tapas de entroido”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal