Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO NOMEA Á ACTRIZ IOLANDA MUIÑOS COMA 'MULLER DO ANO DE NARÓN 2013'
Recoñece así a súa traxectoria profesional e persoal, que pode servir como referente para outras mulleres.
Narón, 5 de Marzo de 2013.- A actriz naronesa Iolanda Muíños Paredes (Narón, 1970) foi nomeada hoxe coma ‘Muller do Ano de Narón 2013’ por parte do Concello de Narón. O Alcalde, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, ofrecéronlle unha recepción institucional á galardoada, que foi sorprendida nese mesmo momento con esta distinción. No acto, que se desenvolveu na Alcaldía do Concello (sala de reunións) tamén estiveron presentes diferentes membros da Corporación Municipal de Narón, familiares e amigos de Iolanda Muíños. O Concello de Narón e concretamente a Concellería de Igualdade, nomea esta actriz como MULLER DE NARÓN 2013 pola súa traxectoria que pode servir como referente para outras mulleres. Muller loitadora, capaz de arriscar e traballar por aquelo que desexa ser dende a súa infancia, como debemos de facer todas para poder acadar os nosos soños. É unha muller comprometida coas mulleres intentando conseguir salarios iguais ós dos homes e facendo sempre o seu traballo con gran dignidade, non deixando ser infravalorada polo feito de ser muller. Iolanda é tamén unha muller comprometida con Narón, acudindo sempre que se require a súa colaboración desinteresada nas artes escénicas. Tamén se valora a súa traxectoria como actriz que leva o nome de Narón alí donde ela vai, dando prestixio o traballo que se fai no concello dende a Escola de Teatro onde ela se formou e logo tamén traballou como mestra combinado con outros tipos de traballos para poder manter a súa independencia. Conflúen en Iolanda un exemplo de muller loitadora, íntegra, sinxela, asequible e o mesmo tempo con éxito. A Concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, definíu a Iolanda Muíños coma “unha muller de éxito e coñecida. Está comprometida coa causa das mulleres, gústalle loitar e constitúe un exemplo para todas”. Na mesma liña expresouse o Alcalde de Narón, ó asegurar que a Muller do Ano de Narón 2013 “é unha persoa implicada dende sempre coa cultura e o teatro en Narón, onde foi monitora da Escola de Teatro nos seus inicios”. José Manuel Blanco lembrou que Iolanda Muíños xa ten entre os seus premios un María Casares de Teatro, acadado no ano 2011, e agora ten a oportunidade de conseguir o segundo xa que opta ó galardón de este ano 2013. Iolanda Muíños agradeceu ó Concello este recoñecemento, asegurando que “o teatro e a cultura son a forma que eu teño de comunicarme co mundo. Loitei e pelexei moito por ser actriz, porque ademáis ó vivir aquí non é tan doado coma quen reside en Madrid ou noutra capital do mundo”. Por iso, a galardoada animou á xente “a loitar polo que cada un desexa, porque a ilusión e a fé nas cousas nunca se poden perder”. O nomeamento da Muller do Ano forma parte do programa de actos conmemorativos do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Este venres celebrarase tamén a tradicional Cea de Mulleres, na sala de festas A Concha (O Val), na que participará Iolanda Muíños. CURRÍCULUM DE IOLANDA MUIÑOS Formación específica: Comezou a súa formación na Escola de Teatro de Narón. Estudou interpretación, entre outros, con Paco Pino, Cristina Rota, Antoni Chic, Albert Boadella, María del Mar Navarro, Michel Cerdá. Fixo Danza Clásica, Bailes de salón, Cabaret, Clown, Danza Contemporánea e Canto. Traballa como actriz dende o ano 1993, facendo Televisión, Teatro e Cine. Os seus traballos máis destacados son Televisión: Actriz que entrou no mundo das curtametraxes a finais dos 90 participando en producións promovidas desde escolas audiovisuais de Barcelona e da Coruña. Libro de familia, Efectos Secundarios, Los Serrano, Máxima audiencia, Padre Casares, e Escoba. No principio da década seguinte chegoulle a oportunidade de interpretar papeis de reparto en títulos coñecidos da grande pantalla. En 2003 ponse ás ordes de Alejandro Amenábar na longametraxe "Mar adentro". Teatro: Emprendeu a súa carreira teatral en 1999 e ten traballado en montaxes do CDG, Teatro do Atlántico e Lagarta, Lagarta. A nona, A piragua, Rosalía, Pervertimento, Fobias, Galicia Canibal e Malos hábitos. Musicais: Life is a paripé, Saltimbanquis, ¡Oh!Cine, 13 badaladas, Mar adentro. Premios: Premio á mellor actriz do ano polo I.E.S.P. Escola de Imaxe e Son da Coruña. Premio Maria Casares 2011 á mellor actriz protagonista por "Life is a paripé" Nominada á mellor actriz protagonista nos premios María Casares 2013, polo seu papel na obra “Malos hábitos”

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal