Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
PRESENTACIÓN DO PROGRAMA GASTRONÓMICO 'HORTA DE NARÓN'
Durante o mes de xullo haberá degustacións gratuitas de tapas elaboradas con Pementos do Couto e Tomates Negros de Santiago, en locais de hostelería adheridos ó programa.
Narón, 13 de Xuño de 2013.- O Concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, a Concelleira de Turismo, María Rodríguez Porto, e o Presidente da Cooperativa de O Val, José Benito, presentaron hoxe en rolda de prensa a iniciativa “Horta de Narón”. Trátase dunha proposta incluída no programa “Narón Gastronómico” que principiou en febreiro coa exitosa experiencia do “Entroido 2013”, e agora dáselle continuidade coa posta en valor dos produtos gastronómicos locais, concretamente o Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago, e contará coas seguintes actividades: Ruta Gastronómica Horta de Narón. Consistirá nunhas xornadas de degustación de pinchos que terán como ingredientes, como mínimo, algún destes dous produtos e que se celebrarán do 11 ao 14 e do 18 ao 21 de xullo nos establecementos de hostalería de Narón adheridos a este programa. Nelas poderán participar todos os negocios do sector radicados no municipio, previa inscrición no teléfono 981 337 700 (Ext.1204) e no correo electrónico narongastronomico@naron.es . O prazo de inscrición remata o mércores 26 de xuño. Os establecementos participarán con unha ou varias tapas, que se servirá nas datas antes sinaladas de 13:00 a 15:00 horas e de 20:00 as 22:00 horas. Os negocios que o desexen poderán alongar os horarios e ofrecer as tapas durante máis tempo. As tapas serán gratuítas, de libre creación e estarán elaboradas con produtos de calidade, tendo que incluír necesariamente o Pemento do Couto ou o Tomate negro de Santiago, ou ambos á vez, tratando de exaltar o sabor e propiedades destas dúas hortalizas. As persoas que se acheguen aos establecementos inscritos nas xornadas poderán participar nun sorteo de 20 cestas con produtos da horta, se consumen a tapa típica das xornadas e depositan o cupón cos seus datos na urna correspondente. Todos os hostaleiros que participen no Concurso disporán dunha urna e tarxetas para que os seus clientes poidan participar no sorteo. A organización achegará aos establecementos participantes con suficiente antelación os carteis promocionais do concurso, os trípticos informativos, as urnas e os cupóns para colocar nos seus negocios á vista do público durante as datas que duren as Xornadas. A organización promocionará e publicitará as I Xornadas de Exaltación da Horta de Narón nos principais medios de comunicación locais, na web do Concello e o Facebook de Narón Gastronómico. Encontro de Bloggers Para dar o pistoletazo de saída a esta actividade e acadar a máxima difusión nos medios especializados do contorno dixital, o sábado 6 de xullo celebrarase un encontro de bloggers gastronómicos. Os considerados mellores prescritores do sector culinario, coñecerán de primeira man todo o proceso de produción do Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago, desde a forma de cultivo ata o proceso de envasado, distribución e comercialización, sen esquecer a degustación final das hortalizas, todo da man da Cooperativa do Val. Presentación en Santiago de Compostela (Restaurante Casa Marcelo) Para proxectar e dar a coñecer os produtos da terra fóra da comarca, farase unha presentación e degustación do Pemento do Couto e o Tomate Negro nun dos restaurantes máis emblemáticos de Galicia, “Casa Marcelo”, en Santiago de Compostela, cunha Estrella Michelín. Membro da prestixiosa asociación culinaria galega Grupo Nove, o chef Marcelo Tejedor é un dos cociñeiros con máis proxección internacional e mellor posicionado no sector a nivel global. Con motivo da iniciativa “Horta de Narón”, Marcelo Tejedor elaborará creacións exclusivas a base destas dúas hortalizas do campo naronés. Festa do Pemento “Horta de Narón” rematará o domingo 21 de xullo coa tradicional Festa do Pemento, na que se dan cita, produtores, comercializadores, establecementos de hostalería e público en xeral para exaltar, poñer en valor e gozar desta deliciosa hortaliza. O Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago O Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago son dous produtos locais de gran calidade que actualmente cultiva e comercializa a Cooperativa do Val, na súa aposta pola recuperación e posta en valor de variedades autóctonas. A Cooperativa produce desde hai anos o Pemento do Couto, unha hortaliza xa consolidada na mercado, que conta coa Indicación Xeográfica Protexida e que se caracteriza polo seu excelente sabor e propiedades, entre elas, a súa docura e que non pica. Continuando polo camiño da recuperación e revalorización das hortalizas locais, desde o ano pasado a Cooperativa do Val produce o Tomate Negro de Santiago, un tomate cun alto grao de azúcares e acidez e excelente sabor que se está introducindo pouco a pouco con moito éxito. Con estes dous produtos, a cooperativa do Val quere hegar ao consumidor que busca produto galego de calidade, cansado das variedades foráneas. Máis información.: Tel.: 981 364 064

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal