A CONCELLERÍA DE MOCIDADE ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA A ESCOLA DE MÚSICA MODERNA E AS AULAS DE ENSAIO
Os interesados poden cubrir unha solicitude e entregala na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), no 1º andar do Concello.
Narón, 25 de Outubro de 2013.- A Concellería de Mocidade de Narón, dirixida pola edil Natalia Hermida, ven de abrir o prazo de inscrición para asistir á Escola de Música Moderna, e para solicitar as aulas de ensaio desta escola. As clases e ensaios darán comezo no mes de novembro e prolongaranse ata o mes de maio (ambos incluídos).
En concreto, ofértanse clases e aulas nos seguintes horarios:
Guitarra
Grupo de Iniciación: xoves de 16:00 a 18:00 horas (máximo 8 alumnos)
Grupo de perfeccionamento: luns de 17:00 a 19:00 horas (máximo 8 alumnos)
Batería
Mércores de 16:30 a 18:30 horas (máximo 6 alumnos)
Baixo
Mércores de 18:30 a 20:30 (máximo 8 alumnos)
Aulas de Ensaio
Martes de 18:30 a 20:00 horas
Venres de 16:00 a 17:30 horas
Sábados de 12:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 17:30 horas
Para participar en calquera destas actividades, é preciso cubrir unha instancia e presentala na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), situada no 1º andar do Concello. Pódese obter máis información chamando ó teléfono 981 337700 (extensión 1103) ou por correo electrónico no enderezo omix@naron.es
As clases da Escola de Música Moderna (EMM) están impartidas por mestres profesionais, con longa experiencia na música en directo e no ensino. A intención da EMM é formar músicos, orientalos e preparalos para aprender a tocar calquera estilo, mediante un método próximo e sinxelo. Nos locais de ensaio ofrécese asesoramento musical e técnico, poñendo ó servizo dos usuarios o material necesario (baterías, percusións, amplificadores, teclado, equipo de voces, microfonía e PC).
A Escola de Música Moderna está dirixida a mozos/as con inquedanzas musicais, con idades preferentes de 12 a 26 anos, e empadroados en Narón.