CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE O CONCELLO DE NARÓN E A ASOCIACIÓN DE VECIÑOS VIRXE DE FÁTIMA
A entidade veciñal percibirá 5.300 euros para a realización de actividades de participación cidadá.
Narón, 7 de Novembro de 2013.- O Alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, e a presidenta da Asociación de Veciños Virxe de Fátima (Piñeiros), Maribel Mouriz, asinaron hoxe un convenio de colaboración en materia de participación cidadá. Na sinatura do acordo tamén estivo presente a Concelleira de Participación Cidadá de Narón, Catalina García.
O convenio ten unha vixencia anual (de xaneiro a decembro de 2013) e contempla unha achega económica de 5.300 por parte do Concello. A cambio, esta entidade veciñal comprométese a desenvolver accións sociocomunitarias en materia de participación cidadá.
En concreto, a AVV Virxe de Fátima levará a cabo diferentes programas e permitirá actividades organizadas, para tódalas persoas interesadas, dende os diferentes órganos culturais e deportivos de carácter municipal, correndo cos gastos de mantemento do local.