O PADROADO DE CULTURA E A ASOCIACIÓN SEMENTEIRA ASINAN UN CONVENIO PARA IMPARTIR CLASES DE SOLFEXO E INSTRUMENTOS EN NARÓN
A Asociación Cultural Musical imparte clases do 1º ó 5º nivel musical, e conta cunha banda de música de máis de 35 membros.
Narón, 10 de Abril de 2014.- O presidente do Padroado de Cultura do Concello de Narón e Alcalde do municipio, José Manuel Blanco, e o presidente da Asociación Cultural Musical de Narón Sementeira veñen de asinar un convenio de colaboración para a impartición de clases de solfexo e instrumentos.
Este acordo estará vixente durante o ano 2014, e a través do mesmo o Padroado de Cultura facilitará o desenvolvemento das actividades da Asociación Sementeira, facendo unha achega económica de 42.000. Asimesmo, cederá en usufruto os instrumentos musicais da súa propiedade, que deberán ser mantidos en bo estado de conservación.
Sementeira, pola súa parte, impartirá clases de solfexo e instrumentos de vento e percusión do 1º ó 5º nivel, mantendo ademais a actividade dunha banda de música cun número de membros non inferior a trinta e cinco, que realizará 10 concertos ó ano en Narón.