O PADROADO DE CULTURA DE NARÓN E O TEATRO COLÓN DE A CORUÑA ASINAN UN ACORDO DE COLABORACIÓN PARA OFRECER DESCONTOS CRUZADOS ÓS SEUS ABONADOS
Narón, 22 de Abril de 2015.- O Alcalde de Narón e Presidente do Padroado de Cultura, José Manuel Blanco, e o Xerente do Teatro Colón de A Coruña, Valentín Rodríguez Viera, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o fomento das artes escénicas. Este acordo establece un marco de colaboración entre ambas institucións, para que os seus abonados poidan gozar de descontos, vantaxes e servizos adicionais en ambos espazos.
Tal e como recalcou o Xerente do Teatro Colón, o obxectivo é xerar sinerxias entre ambas institucións culturais que fomenten o intercambio cultural, a fidelización e a creación de novos públicos, e unha ampliación de servizos e vantaxes ós abonados do Padroado de Cultura e do Teatro Colón explicou Valentín Rodríguez. O Xerente do espazo escénico coruñés recalcou que este é un acordo aberto e ampliable a outros teatros. Para nos, o Padroado de Cultura de Narón é un referente e agardamos que o vínculo que hoxe establecemos sexa longo e duradeiro sinalou.
O Alcalde de Narón agradeceu estas palabras, asegurando que é un orgullo lograr un acordo co Teatro Colón, porque demostra que o traballo que levamos realizando en Narón dende fai máis de 30 anos é apreciado e recoñecido indicou José Manuel Blanco.
Este convenio que entra en vigor hoxe estará vixente ata o 31 de decembro de 2016, podéndose renovar anualmente de mutuo acordo. Ambas partes comprométense a facilitar os descontos e servizos adicionais que habitualmente ofrecen ós seus abonados de forma recíproca. En concreto:
-O abonados do Padroado de Cultura de Narón gozarán dun 10% de desconto no Teatro Colón e viceversa.
-Tódolos abonados terán dereito de reserva de entradas por vía telefónica ata unha hora antes do inicio do espectáculo.
-Realizarase un intercambio de información e envío de programacións de ambos espazos ós seus abonados.
Este convenio é un primeiro paso para establecer unha rede de colaboración máis ampla. O Padroado de Cultura e o Teatro Colón convidarán ó resto de teatros da provincia a sumarse a esta rede de información e descontos cruzados entre teatros, para recompensar ós seus abonados con vantaxes e servizos adicionais en toda a programación da provincia de A Coruña.