Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
TERRA GALEGA ASINA O PACTO DE GOBERNO COS EDÍS DO PSOE E BNG
O alcalde, José Manuel Blanco, asinou o documento que recolle os principais puntos do programa cos edís de ambas formacións
Narón, 3 de xullo de 2015.- O rexedor local de Narón, José Manuel Blanco, de Terra Galega, e os portavoces dos grupos municipais do PSOE, Catalina García, e do BNG, Pablo Villamar, asinaron hoxe o documento que recolle os puntos do acordo de goberno entre as tres formacións que conformarán o goberno local no actual mandato, que expirará no ano 2019. Blanco valorou o acordo ao que chegaron as tres formacións que, dixo, “contén as ideas que mantivemos no pasado mandato, que dá prioridade absoluta ás persoas na actual situación económica. Primeiro atenderemos ás persoas e a partir de aí dedicaremos todo o posible a mellorar a calidade dos servizos no municipio ou incrementar o número dos mesmos.” Blanco subliñou que “se os intereses dos veciños están por riba de todo é posible gobernar entre tres ou entre catro partidos”, e recordou que en Narón “xa se demostrou e se seguirá demostrando que os resultados dos pactos de goberno poden dar bo resultado”. Así mesmo, apuntou á necesidade de potenciar a Mancomunidade, no que respecta aos servizos que ofrece aos veciños e veciñas dos concellos integrados neste organismo. A portavoz do PSOE, Catalina García, destacou a importancia de “traballar conxuntamente e poder sumar ideas entre as tres formacións políticas” e apuntou, entre outras, a necesidade de dispoñer dunha nave propia para o Centro de Recursos Solidarios de Narón, desde donde atender ás familias máis necesitadas. A continuación falou o portavoz do BNG, Pablo Villamar, que concretou algúns dos motivos que xustifican a sinatura do acordo, entre os que están o feito de que, dixo, “estamos relativamente satisfeitos co traballo feito no anterior mandato e tamén con que se dé prioridade ás políticas destinadas ás persoas”. Villamar aludiu ademáis á colaboración do tripartito para que o resto dos grupos que quedarán na oposición –PP e o Grupo Mixto, formado por Eliximos Electores Narón e Esquerda Unida- poidan traballar conxuntamente co equipo de goberno en beneficio dos veciños e veciñas de Narón. Como secretario xeral de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo valorou o respecto que sempre se mantivo en Narón entre as forzas políticas do goberno. “O traballo que no anterior mandato fixemos as tres forzas políticas, xunto con Converxencia Galega, á que tamén llo agradezo desde aquí, foi moi positivo, despois do que se inventou e das mentiras que se estiveron a dicir de Narón por parte dalgúns partidos que tiñan todo o poder do mundo”, asegurou. Sánchez Fojo tamén ofreceu a colaboración do tripartito naronés “a todos os concellos da comarca interesados en cambiar o sistema que se estaba levando a cabo na comarca, porque cambiou de cor e de persoas que en substitución das da prepotencia anterior espero que traballen como nós, con humildade para os veciños, porque se en Narón traballamos ben e na comarca tamén, cambiar a comarca, que lle fai falta, é posible, suprimindo a imaxe de prepotencia que se viña dando”. O alcalde, José Manuel Blanco, indicou tamén que entre os temas a abordar no tripartito naronés estarán, entre outros, os avances no PXOM, buscar a colaboración das diferentes administracións públicas co Concello para infraestruturas como o saneamento rural, o novo centro de saúde e o colexio que é necesario construír no Alto, ademáis de lograr que se destine parte do 1% Cultural a obras como o muíño de Xuvia ou a materializar o acordo pendente para recuperar o das Aceñas. O papel que xogarán os concellos en Sogama, o pago de impostos e o mantemento de bonificacións para as persoas que máis o precisan estarán tamén entre as prioridades do tripartito naronés.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal