A convocatoria desenvolverase o día 31 de xullo na rúa Cataluña
Narón, 24 de xullo de 2015.- A concelleira de Festas de Narón, Mar Gómez, e o hostaleiro Francisco Paz, en representación dun colectivo de empresarios do sector na localidade, presentaron o I Festival Bulevar Odeón, que terá lugar o 31 de xullo na rúa Cataluña, na Gándara, e que coorganizan o Concello e nove establecementos hostaleiros da zona. A cita consiste nun concerto para rememorar a música da década dos 80, co mítico grupo Tennessee, que alternará cancións propias con tributos de Alejandro Sanz a cargo do grupo No es lo mismo-, Joaquín Sabina grupo Malas compañías- e Los Secretos Marcos Mella e banda-. As actuacións das tres últimas formacións musicais comezarán ás 22.00 horas para dar paso, ás 00.00 á de Tennessee. Os concertos serán na avenida de Cataluña onde se habilita o parque pechado do Rallye de Narón- e son gratuítos. Os asistentes poderán estacionar no parking do Centro Comercial Odeón e nas inmediacións da zona na que terá lugar o festival.
A concelleira Mar Gómez valorou o esforzo realizado polos hostaleiros locais para organizar este evento e asegurou que desde o Concello apostamos por seguir mantendo a colaboración cos empresarios do sector para impulsar iniciativas que, como esta, permitan organizar eventos que ofrezan tanto aos veciños e veciñas de Narón como aos visitantes alternativas de ocio nesta época do ano.
Pola súa parte, Francisco Paz agradeceu o apoio do Concello e tamén o dos hostaleiros e comerciantes da zona de Odeón e manifestou a súa confianza no feito de que este festival se convoque novamente o vindeiro ano ofrecendo algunha actividade de ocio infantil. No mes de febreiro comezaremos a traballar para organizar a seguinte edición, avanzou Paz.
Por último, a concelleira de Festas de Narón fixo un chamamento para que acudan á convocatoria todas as persoas que queiran gozar dunha noite de boa música a cargo destes grupos, que nos ofrecerán algunhas das mellores cancións da década dos 80.
O Concello de Narón colabora na organización do I Festival Bulevar Odeón xunto cos establecementos Eder Narón, Nueva Orleans, Folsom, Australian, Cambalache, Caffe Latte, El Colonial, La Suite e Chips, localizados na zona da Gándara.