Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ÉXITO DE PÚBLICO NA XVII EDICIÓN DO OENACH ATLÁNTICO CELEBRADO EN SEDES
A convocatoria incluíu un amplo programa de actividades de ocio, culturais, gastronómicas e deportivas
Narón, 2 de agosto de 2015.- A celebración da décimo sétima edición do Oenach Atlático de Sedes foi, un ano máis, un éxito de convocatoria. Veciños e visitantes puideron gozar dende o 31 de xullo ata o 2 de agosto na parroquia naronesa de Sedes dun amplo e variado programa de actos deseñado para a ocasión. A recreación de renacemento do Lume Novo Solsticial na Aldea Castrexa abriu o pasado 31, ás nove da noite, esta cita festivo-cultural, que remontou aos alí presentes á época castrexa. A música de Treixadura, un mercadiño artesán, mostras de artesanía e diferentes obradoiros e degustacións gastronómicas lograron atraer aos visitantes, que tiveron a oportunidade de degustar menús cociñados ao xeito castrexo polos veciños da parroquia de Sedes, como as bolas de sartén, carne ao caldeiro ou pan de millo, entre outras especialidades. Foron precisamente os veciños os grandes protagonistas do Oenach, organizado como cada ano pola AVV Rosa dos Ventos de Sedes, coa colaboración do Concello de Narón. A edil de Cultura, Marián Ferreiro agradeceu publicamente o traballo veciñal porque, dixo, “foron eles os que mantiveron viva esta parte da historia de Narón e son eles os que cada ano dan forma ao Oenach Atlántico de Sedes, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia”. A concelleira naronesa valorou especialmente a incorporación de xente nova na organización deste evento, o que permitirá, subliñou “manter esta festa no tempo para que poidamos seguir gozando dela tanto os veciños e veciñas de Narón como todas aquelas persoas que ano tras ano, atraídos por esta convocatoria, se achegan á parroquia de Sedes”. As representacións teatrais formaron parte da programación do Oenach e, entre elas, destaca cada ano a protagonizada polos veciños que forman o elenco da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, que representaron a noite do 1 de agosto no Castro de Eiravedra a obra “A fraga maldita”. A actividade continuou ao longo da xornada do 2 de agosto, co mercadiño, mostras artesáns e obradoiros de cociña, así como exhibicións caninas. Á unha da tarde tivo lugar unha recreación teatral na campa castrexa novamente a cargo da Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, que nesta ocasión representou a obra “Agripa”. A actividade retomouse pola tarde, cunha exhibición de xogos populares e deporte rural vasco e unha carreira popular ao Castro de Eiravedra, trala que se entregaron trofeos aos mellor clasificados, poñendo así fin ao XVII Oenach Atlántico de Sedes. A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, destacou o éxito desta convocatoria e incidiu na vontade do goberno local de “continuar apostando por manter viva esta tradición”. A edil naronesa valorou a programación desta edición e animou aos organizadores a “continuar traballando como viñestes facendo ata o de agora para que poidamos seguir gozando deste Oenach Atlántico en Sedes, que é unha cita de referencia estival en todo o Concello, na comarca e dende hai varios anos, tamén no resto de Galicia”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal