Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
OS ESPECTÁCULOS TEATRAIS E A MÚSICA CENTRARÁN A ACTIVIDADE DO PAZO DA CULTURA DE NARÓN ENTRE SETEMBRO E DECEMBRO
A compañía Teatro do Morcego representará o 18 de setembro a obra Presidente, coproducida polo Concello de Narón
Narón, 7 de agosto de 2015.- O Padroado da Cultura de Narón retomará o vindeiro mes de setembro a actividade con varias representacións, entre as que destacan estreas como a obra Presidente, que coproduce o Consistorio naronés coa compañía Teatro do Morcego. O elenco, do que forman parte a naronesa Iolanda Muíños, formada na Escola de Teatro do Padroado da Cultura de Narón, Celso Parada, Merce Castro, César Goldi e Federico Pérez, subirase ao escenario do Pazo da Cultura o 18 de setembro -ás 20.30 horas- e o 19 de setembro -ás 20.00- para representar unha comedia relacionada coa vida política e a captación de votos nunha campaña electoral. O prezo do espectáculo será de 9,50 euros para os adultos e 6,65 para o público en xeral, persoas con carné xove ou estudantes e desempregados. A concelleira de Cultura de Narón, Marián Ferreiro, anunciou os espectáculos que se desenvolverán ata finais deste ano no Pazo da Cultura. A edil explicou que “nesta ocasión o programa deseñado para rematar o ano contempla unha maior variedade de estilos musicais, ao incluír entre a oferta actuacións de jazz”. Ferreiro subliñou a aposta do goberno local por manter a calidade da programación a desenvolver no Pazo da Cultura, no que é, dixo, “un firme respaldo do Concello de Narón ao sector cultural”. O 20 de setembro chegará a quenda da música, nesta ocasión con Gallaecia All Stars, cun coidado repertorio de dúas horas de duración no que non faltará o apartado humorístico e os clásicos do rock and roll, o swing, ou o soul, entre outros estilos. Trece músicos encargaranse deste espectáculo, cos recoñecidos cantantes Sergio Zearreta e Paty Lesta e con Sito Sedes e Luis Iglesia como convidados estrela. A cita será ás 19.00 horas no Pazo da Cultura e o prezo será de 9,50 euros para o público en xeral e 6,65 para abonados, persoas con carné xove, estudantes e desempregados. A comedia voltará de novo á escena do Pazo da Cultura naronés o 26 de setembro, ás 20.00 horas. Nesta ocasión representarase a obra El eunuco, unha peza de case dúas horas de duración na que se describe unha complexa historia de amor. O prezo será de 18 euros para o público xeral e de 12,60 para os que poidan acollerse aos descontos de abonados, por idade ou desempregados. No mes de outubro o teatro e a música volverán a centrar a actividade do Pazo da Cultura de Narón. O día 2 representarase a obra La gloria de mi mare -ás 20.30 horas- dirixida por Estrella Távore. A peza describe a historia dunha nai que proxecta na súa filla o seu desexo de converterse nunha “bailaora” de flamenco, apostando así por render unha homenaxe ás nais en xeral e ás artistas en particular. O prezo das entradas é de 12 euros para o público xeral e 8,40 para os que poidan acollerse aos descontos. O 3 de outubro será a quenda dunha nova estrea, neste caso a cargo de Redrum Teatro, que representará a obra Noiteboa, cun elenco do que forman parte recoñecidos actores e actrices como Mela Casal, Ernesto Chao ou Guillermo Carbajo. A cita será ás 20.00 horas e trasladará aos espectadores a unha data moi sinalada do ano, Noiteboa, e a unha cidade galega, Santiago de Compostela, onde a protagonista da obra, unha muller xubilada chamada Mariví, decide contratar a dúas persoas para non cear soa esa noite. O prezo será de 9,50 euros para o público xeral e 6,65 para estudantes, persoas con carné xove e desempregados. A compañía Teatro do Atlántico chegará ao Pazo o 10 de outubro para representar a obra O principio de Arquímedes, a partir das 20.00 horas. O protagonista da peza é un profesor de natación de alumnos de Infantil sobre o que pesa unha sospeita de pederastia, un medo que pesa sobre os pais dos nenos e nenas que acoden ás súas clases. O prezo é de 9,50 euros para os adultos e de 6,65 no caso de poder acollerse aos descontos. A música folk do grupo de música tradicional galega Leilía será a protagonista na xornada do 11 de outubro, que traerá a Narón Consentimento, un traballo do ano 2012 no que as melodías tradicionais se misturan coas letras de varias escritoras, con arranxos de Xoán Porto. Será un concerto de algo máis dunha hora de duración por cuxas entradas se cobrará 9,50 euros ao público en xeral e 6,65 aos beneficiarios dos descontos. A formación musical Achtung Babies desembarcará en España no mes de outubro para protagonizar unha serie de tributos á banda liderada por Bono, líder de U2. O concerto programado no Pazo da Cultura de Narón será o día 12 de outubro, ás 19.00 horas, e terá unha duración dunhas dúas horas e media, tempo no que o público poderá gozar dun longo repertorio cunha espectacular posta en escena. As entradas venderanse a 16 euros de xeito anticipado e 20 euros o día do concerto. A seguinte actuación incluída no programa correrá a cargo da compañía Tanttaka Teatroa, que traerá o día 17 de outubro a Narón a comedia La calma mágica, unha obra protagonizada por Oliver, un home que vai a unha entrevista de traballo e que acaba comendo uns fungos alucinóxenos que o farán “vivir” unha historia na que non faltarán o amor, o alcol, vivencias en África e a traizón, entre moitas outras que misturan a realidade cos soños derivados da inxesta deses fungos. A representación comezará ás 20.00 horas e as entradas terán un prezo de 9,50 ou 6,65 euros, dependendo da idade do espectador e de se pode acollerse a descontos. A peza teatral Me llamo Suleimán, de Unahoramenos Producciones, representarase o 24 de outubro, ás 20.00 horas. Trátase dunha adaptación teatral dunha novela escrita por Antonio Lozano, que narra a historia de Suleimán, un neno vítima da pobreza en Mali e que decide iniciar cun amigo unha aventura que os levará a Europa, onde soñan con atopar un futuro mellor que algún día lles permita axudar ás súas familias, pero a viaxe será complicada. O prezo das entradas será de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para os abonados, persoas con carné xove ou estudantes e desempregados. O 31 de outubro será a quenda de Vía 6, que porá en escena Amor en 3D, unha historia que conta como tres mulleres en paro deciden contar unha historia de amor que se acaba convertendo en catro, tres delas versionadas e unha estrea mundial. A representación será a partir das 20.00 horas e o prezo das entradas de 9,50 ou 6,65 euros. A programación do Pazo da Cultura no mes de novembro comezará o día 7, coa compañía Ilmaquinario Teatro, que representará Perplexo, e o 14 de novembro Micomicón porá en escena El triángulo azul. A primeira das obras describe á perfección a utopía das certezas nas que cremos vivir e a segunda a intriga angustiosa do exterminio no campo de concentración nazi da localidade austríaca de Mauthausen, onde moitos españois deron mostra da súa valentía e solidaridade sen perder a súa esperanza de vida. Ambas representacións comezarán ás 20.00 horas, se ben no primeiro caso os prezos serán de 9,50 euros ou 6,65 e no segundo de 15 ou 10,50. A programación do Pazo da Cultura inclúe, no mes de novembro, outras dúas representacións teatrais: Aladdin, da compañía Gorakade, o día 15, e El hijo de la novia, de Ados Teatroa, o 28. A primeira obra protagonízaa Aladino, un home ao que outro lle ofrece facelo rico se lle axuda a atopar unha lámpada máxica que está nunca cova enfeitizada; o protagonista da segunda peza teatral é Rafael, un home cuxo restaurante é absorvido por unha cadea internacional do sector e que vive unha serie de problemas físicos e sentimentais ata que un feito inesperado lle axuda a recuperar o seu presente. O prezo é de 9,50 ou 6,65 euros para a obra Aladdin e de 15 ou 10,50 euros para El hijo de la novia, representacións ambas que comezarán ás 20.00 horas. A última das obras da programación teatral deste de ano no Pazo da Cultura de Narón será Ultranoite no país dos ananos, da compañía Chévere. As representacións serán o 11 de decembro ás 20.30 horas e o día 12 ás 20.00 e terán un prezo de 9,50 euros para o público xeral e 6,65 para abonados, persoas con carné xove/estudantes e desempregados. A obra amosa o contrapunto entre o despilfarro presente e a esperanza dun futuro mellor, englobándose na perda da identidade de Galicia. Trátase dunha viaxe retranqueira pola celebración Xacobea e o camiño da Ultranoite, onde se ambienta o país dos ananos. Para rematar o ano pecharán a programación un concerto de Susana Seivane, que traerá a súa música folk a Narón a través do espectáculo Cuartetto o 19 de decembro, ás 20.00 horas. O público gozará dos temas do seu novo disco, Fiz, e de pezas do repertorio tradicional desta gaiteira galega que interaccionará cos asistentes durante o espectáculo, dunha hora e media de duración. As entradas custarán 9,50 euros ao público en xeral e 6,65 aos abonados e beneficiarios de descontos. O último concerto programado será o de The Chicago Mass Choir, que traerá a Narón A Spitirual tribute to BB King o vindeiro 22 de decembro. A formación, fundada en Chicago, inclúe a Narón na súa xira de 2015, na que rende unha homenaxe a BB King, unha mítica estrela do blues que ao longo da súa carreira musical desenvolveu un estilo que combinaba a fusión de estilos como o blues, o jazz, o swing e o pop. A cita será a partir das 20.30 horas e o prezo das entradas de 9,50 ou 6,65 euros.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal