Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO E ECOVIDRIO PROMOVEN A RECICLAXE CUN NOVO SISTEMA DE RECOLLIDA DE VIDRO
Empresarios do sector hostaleiro e da restauración da localidade participan na iniciativa
Narón, 29 de outubro de 2015. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, presentaron, acompañados polo xerente de zona de Ecovidrio, Germán Fernández, e do delegado de Urbaser en Galicia, Luis Torres, un novo sistema para promover a reciclaxe de vidro no sector hostaleiro e de restauración da localidade, facilitando as tarefas de recollida. A iniciativa desenvólvese na súa primeira fase, que segue a un traballo de campo previo no que se involucraron uns setenta establecementos da zona urbana. Os propietarios dos locais participantes que así o solicitaron recibirán un cubo con rodas de gran capacidade -120 litros- para proceder ao traslado dos residuos de envases de vidro ata os colectores específicos. En total entregaranse cincuenta cubos e a medida implica ademais incrementar en dezaséis o número de colectores para a recollida destes residuos no núcleo urbán. Estes dispoñen dunha boca máis ancha e un sistema de elevación hidráulica para facilitar o vaciado dos cubos co vidro que se entregan aos hostaleiros. A iniciativa xurdiu tras detectar a empresa adxudicataria do servizo de recollida de basura do Concello, Urbaser, unha serie de problemas na recollida deste tipo de residuos, que se depositaban nos colectores destinados a residuos orgánicos. O goberno local mantivo hai unhas semanas unha xuntanza con responsables de Ecovidrio e da citada empresa e acordou implantar esta iniciativa, co fin de incrementar as cifras de reciclaxe e contribuír así ao respecto e coidado do medio ambiente. O xerente de zona de Ecovidrio explicou que os veciños de Narón reciclaron o pasado ano un total de 455.920 quilos de vidro, o que supón unha media de 11,5 por cidadán. Germán Fernández recordou que os colectores que hai nas rúas para este material serven unicamente para depositar envases de vidro: botellas, tarros e frascos, se ben outros materiais como a cerámica ou distintos tipos de vidro, como o que se emprega para facer pratos, vasos e cristais de fiestras, entre outros, debe depositarse nos puntos limpos, ao ter unha composición distinta á do vidro dos envases. O rexedor local e o representante de Ecovidrio destacaron a importancia de concienciar ao sector hostaleiro en particular e á cidadanía en xeral na necesidade de realizar unha correcta separación dos envases de vidro en orixe. O sector Horeca, clave para incrementar a cantidade de vidro reciclado, é fundamental porque consume o 48% dos envases deste material, tal e como apuntaron desde a citada entidade sen ánimo de lucro. Ecovidrio encárgase da xestión da reciclaxe dos residuos de envases de vidro en España, desde 1998. A compañía xestiona integramente a cadea de reciclado, mediante a recollida selectiva, o transporte, o tratamento de envases de vidro e a súa posterior comercialización. Así mesmo, Ecovidrio proporciona un servizo público, universal e gratuíto para o cidadán e pon a disposición das compañías que envasan os seus produtos en vidro un modelo de xestión eficaz e eficiente, tanto desde a perspectiva ambiental como económica. Na actualidade, un total de 2.655 compañías están adheridas a Ecovidrio. Os sectores integrados na asociación representan máis do 3% do PIB español e comercializan o 99% dos envases de vidro.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal