Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A PARROQUIA DE DOSO CELEBRARÁ UNHA NOVA EDICIÓN DA TRADICIONAL RECREACIÓN DA ESFOLLA DO MAÍNZO
O programa de actos, que se desenvolverá na pista polideportiva de Doso, inclúe exposicións, música, un concurso de sobremesas e obradoiros
Narón, 4 de novembro de 2015. A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, anunciou os actos do programa da Recreación Tradicional da Esfolla do maínzo, en Doso, que terá lugar o día 7 de novembro na pista polideportiva da citada parroquia. A actividade está organizada pola Asociación de Veciños “A Naveira” de Doso e conta coa colaboración do Concello de Narón, a través do Padroado da Cultura. O programa previsto para a ocasión comezará a desenvolverse ás cinco da tarde. Do lugar da Braña, en Doso, partirán dous carros cargados de maínzo en dirección á pista polideportiva da parroquia. O traxecto estará amenizado con actuacións musicais. Os asistentes, unha vez na pista, poderán participar na esfolla do maínzo, pero tamén terán a oportunidade de ver a exposición de bonecos de maínzo, na que participaron uns 650 escolares de quinto e sexto curso de Primaria dos centros da localidade, onde a pasada semana e esta se impartiron unhas sesións nas que se abordou a tradición da esfolla. A actividade realizouse a través do Padroado da Cultura do Concello de Narón, tal e como recordou a edil da área, Marián Ferreiro. Así mesmo, o sábado haberá un obradoiro no que se ensinará aos asistentes a facer bonecos de maínzo. A música estará presente durante o momento da esfolla, unha actividade na que se implican os maiores e tamén os nenos e nenas e que ocupará boa parte da tarde aos participantes. A partir das 16.00 horas, e ata as 18.00 deberán entregarse as sobremesas para participar no concurso convocado pola organización, que deben estar elaboradas con produtos de tempada –castañas, maínzo, cabazas, etc.- e que valorará un xurado antes de proceder a repartilas entre os asistentes á esfolla para a súa degustación. Os nenos e nenas terán tamén a oportunidade de cociñar as súas propias bolas de sartén cociñándoas nun obradoiro específico. A banda de música tradicional galega Radio Cos, integrada por recoñecidos pandereteiros, encargarase de amenizar a convocatoria. A organización recomenda aos asistentes acudir á cita con roupa típica de principios do século XX, evitando vestir vaqueiros ou prendas coiro e apostando por outras feitas con lá ou pana, e con camisas de cadros, mantóns ou panos floreados que cubran a parte superior do corpo. Os homes poden levar boinas, gorra ou sombreiro na cabeza e as mulleres algún pano, tal e como se facía na época. A concelleira de Cultura de Narón destacou o traballo realizado pola entidade veciñal e comprometeu o apoio do Concello a esta iniciativa “que ano tras ano mantén viva unha tradición da época, como é a esfolla, e na que se implican persoas de distintas xeracións non só da localidade, senón tamén da comarca, o que é todo un orgullo para os organizadores, aos que queremos agradecer desde o Concello a súa dedicación e traballo para que un ano máis poidamos celebrar este evento en Narón”.

<<< Febreiro 2023 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13 14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
 
Eventos do Concello
www.naron.es