Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE 150 PERSOAS ACUDIRON AO ENCONTRO INFORMATIVO DO TRABALLO DAS CONCELLERÍAS DE NARÓN
A cita, de dúas horas de duración, desenvolveuse no Pazo da Cultura
Narón, 18 de novembro de 2015. Unhas 150 persoas acudiron ao Encontro informativo do traballo das concellerías de Narón, celebrado no Pazo da Cultura. A cita comezou ás 19.15 horas e rematou pasadas as 21.00 horas, un tempo ao longo do cal os edís do grupo de goberno explicaron as áreas nas que desenvolven os seus respectivos traballos, os proxectos executados no que vai de mandato e tamén avanzaron algúns dos que se prevén materializar con cargo aos orzamentos do vindeiro ano. A actividade convocouse a través da concellería de Participación Cidadá, que dirixe a edil Catalina García. O encargado de abrir e pechar o acto foi o alcalde, José Manuel Blanco, que na súa intervención dirixíuse aos asistentes para agradecer a súa presencia no acto e destacar o traballo que realizan no goberno local tres partidos, subliñando que configuran un único equipo, ao igual que demostraron no anterior mandato municipal. O encontro comezou coa presentación das competencias e proxectos de cada concellería, unha tarefa para a que cada edil dispuxo de tres minutos de tempo para dirixirse aos asistentes. O edil de Xestión Orzamentaria e de Polígonos Industriais, Pablo Villamar, avanzou que o orzamento do vindeiro ano, sobre o que falou máis detalladamente ao remate das intervencións dos edís, superará lixeiramente os 29 millóns de euros e fixo un repaso da área de Polígonos Industriais. O Plan Xeral de Ordenación Municipal que se prevé levar a pleno o vindeiro ano coas últimas adaptacións, á espera das modificacións pendentes de aplicar atendendo á última normativa autonómica, o incremento de zonas verdes e a conservación do patrimonio foron algúns dos temas abordados polo edil de Urbanismo, Medio Ambiente, Patrimonio e Bens Inmobles, Manuel Ramos, mentras que o concelleiro de Obras Públicas e Recursos Humáns e o de Servizos, Pablo Mauriz e Ibán Santalla, respectivamente, aludiron a intervencións previstas con cargo ao POS, tarefas de mantemento viario e de zonas verdes, mantemento de espazos e edificios públicos e dotación de servizos. A edil de Feiras e Mercados, Festas e Estatística, Mar Gómez, enumerou algunhas das instalacións nas que se concentran boa parte destes eventos ao longo do ano e destacou a importancia do investimento que se destina aos mesmos, en canto que se reinvirte na cidade. Pola súa banda, Guillermo Sánchez Fojo, concelleiro de Protección Civil, Seguridade Cidadá e Transporte Público, anunciou, entre outras cousas, que atendendo á petición de administracións supramunicipais se procederá a incrementar os controis de velocidade e consumo de alcol entre os conductores nas vindeiras semanas e destacou o traballo que desde a súa área se realiza en materia de Educación Vial, impartindo formación a máis de 2.000 escolares do municipio. Da necesidade de apostar polo turismo na localidade, concretamente da elaboración dun Plan estratéxico do sector, falou a edil da área, Natalia Hermida, que tamén repasou algúns dos programas de formación en marcha desde a área de Formación que preside no Concello. O edil de Sanidade e Actividades Medioambientais, Octavio Dopico, aludiu aos convenios que se asinan periodicamente con diferentes entidades e tamén a proxectos como a adhesión a programas relacionados con temas sanitarios, entre outros asuntos. O edil rematou a súa intervención dando a palabra á concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, que entre as propostas para os vindeiros meses avanzou o proxecto para crear unha Bebeteca nas instalacións da Biblioteca Municipal e tamén das xestións para que a Xunta constrúa no Alto un novo centro de ensino. A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, desgranou o funcionamento do Padroado da Cultura, do que ostenta a vicepresidencia, e destacou a formación que se ofrece a través das Escolas Culturais Municipais, con máis dun milleiro de alumnos cada curso e a importancia de colaborar no mantemento das tradicións a través das festas que se organizan nas parroquias da zona rural e tamén na zona urbana. Sobre a actividade e as instalacións deportivas da localidade pronunciouse o edil da área, Román Romero, que comprometeu o impulso a estas actividades e a colaboración en busca da autofinanciación dos diferentes equipos. As dúas últimas intervencións foron as da edil de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, que abordou as actividades enmarcadas nos programas de envellecemento activo e enumerou as instalacións e os servizos dispoñibles no municipio para as persoas maiores; mentres, a concelleira de Participación Cidadá e Acción Social, Catalina García, destacou o traballo que se realiza en ambas áreas e avanzou que a próxima semana comezará un programa de visitas aos locais sociais para traballar con todas as entidades. A edil citou tamén a importante labor que desenvolve o Centro de Recursos Solidarios de Narón, que atende ás persoas con menos recursos de Narón e da comarca. Os edís da oposición que participaron na convocatoria tiveron tamén un tempo, neste caso de dous minutos, para dirixirse aos alí presentes e expoñerlles o traballo que realizan no Concello. Finalizadas as intervencións deuse paso ao debate, aberto a todos os asistentes, que tiveron a oportunidade de formular varias preguntas aos edís e incluso suxestións. Ao inicio do acto entregouse a cada asistente unha tarxeta na que debía escribir a pregunta ou suxestión a realizar e facilitar un correo electrónico para darlle resposta ás mesmas posteriormente ao esgotarse, como foi o caso, o prazo previsto para este apartado, dunha hora de duración. Á convocatoria acudiron representantes do Grupo de Traballo de Participación Cidadá doutros concellos da comarca, entre eles os de Ferrol e Pontedeume e tamén alumnado e un mestre do colexio Santiago Apóstol.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal