Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
TRÓUPELE, TRÓUPELE GAÑA O CONCURSO DE COMPARSAS CELEBRADO NO PAZO DA CULTURA DE NARÓN
A formación naronesa, da Gándara, conseguíu o primeiro premio, seguida das agrupacións A Canteira, de Neda, e Semente de Trasancos, de San Mateo
Narón, 6 de febreiro de 2016. O Pazo da Cultura acolleu o tradicional Concurso de Comparsas organizado polo Padroado de Cultura de Narón, cuxa vicepresidenta é a edil Marián Ferreiro. O xurado que valorou as actuacións das dez agrupacións, seis da localidade naronesa e catro procedentes doutros concellos, concedeu o primeiro premio a Tróupele, Tróupele, de Narón, se ben, o segundo e o terceiro recaeron nas comparsas A Canteira, de Neda, e Semente de Trasancos, de Narón. O agasallo que recibiron foi unha figura do Entroido –unha máscara artesá-, a maiores da dotación económica pola súa participación, de 600 euros para as comparsas de Narón e 300 para as de fóra do municipio. Os encargados de entregar os premios foron a vicepresidenta do Padroado e alcaldesa en funcións, Marián Ferreiro; o xerente do Teatro Colón da Coruña, Valentín Rodríguez, e Rosi Caneiro, en representación da empresa Tedaga. Os integrantes das formacións Tróupele,Tróupele, da Gándara; Argalleiros, tamén da Gándara; Os Colludos, do Alto do Castiñeiro; Semente de Trasancos, de San Mateo de Trasancos; Os Parrandolos, de Piñeiros; Os nenos de Lola, da Solaina; A Revolta, de Ferrol; Os Trastos, de Valdoviño; A Canteira, de Neda e Xente de aquí e de acolá, de Pontedeume, comezaron a actuar a partir das seis da tarde no Pazo, onde se deron cita veciños e veciñas para gozar coas satíricas letras das cancións destas comparsas. As relacións dos concellos de Ferrol e Narón, as políticas do PP en Madrid, os investimentos a realizar na localidade, o pasado e o futuro da corporación local e o saneamento da ría foron algúns dos asuntos que centraron as animadas letras das cancións que, durante uns dez minutos, interpretaban sobre o escenario os integrantes das diferentes comparsas. O festival prolongouse durante algo máis de dúas horas. A alcaldesa en funcións de Narón, Marián Ferreiro, agradeceu a participación das dez comparsas neste festival organizado na localidade e tamén o respaldo -coa súa asistencia- da veciñanza a este acto, “co que desde o Concello quixemos celebrar un ano máis estas datas de Entroido, amenizando unha xornada da que poder gozar tanto as persoas maiores como os nenos e nenas, ataviados cos seus disfraces para ambientar esta festividade”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal