Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ESTREA DA OBRA "2021: UNHA ODISEA NA TERRA" NO PAZO DA CULTURA
Os alumnos da Escola de Formación de Actores e Actrices do Padroado da Cultura de Narón poñen en práctica con esta obra todo o proceso que conleva unha estrea teatral
Narón, 22 de febreiro de 2016. A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, presentou o espectáculo anual da Escola de Formación de Actores e Actrices de Narón: “2021: Unha odisea na Terra”, cuxo director e autor do texto orixinal é José Prieto. A edil explicou que o espectáculo, no que este ano colabora o equipo de Educación Viaria do Concello, se estreará este xoves, día 25, no Pazo da Cultura, ás 20.30 horas. O prezo das entradas é de dous euros por localidade, tal e como indicou. No acto de presentación deste acto acompañaron á edil de Cultura a directora da Escola de Formación de Actores e Actrices de Narón, Flor Maceiras; o autor da obra e director, José Prieto; Celia González, responsable de producción e persoal do equipo de Educación Vial do Concello, Simón Cabarcos e Pedro Caneiro. “Unha das finalidades deste espectáculo é que os alumnos e alumnas de Formación Actoral teñan a oportunidade de poñer en práctica todo o proceso que conleva unha estrea teatral”, explicou a concelleira. Pola súa banda, Flor Maceiras destacou que esta comedia “permite recuperar unha das liñas de actuación e dos criterios de posta en pé de espectáculos da Escola de Teatro de Narón no seu apartado de Formación de Actores e Actrices, ao ser a autoría expresa dun texto para os alumnos e alumnas que o van representar”. Así mesmo, a directora da Escola de Formación de Actores e Actrices subliñou a importancia do inicio da colaboración coa área de Educación Vial do Concello, en canto que “entendemos que o teatro é unha ferramenta idónea para a educación desde todos os puntos de vista, e polo tanto tamén pode selo para a Educación Viaria”. O autor do texto e director da obra, José Prieto, recordou que a historia se sitúa no ano 2021, un ano no que a Terra sufre unha súbita contaminación masiva, obrigando a evacuar a todo o mundo a Marte menos a catro “Escollidos”, encargados de averiguar as causas desa contaminación e poder salvar o planeta. “O tema principal é a contaminación e o transversal a Educación Viaria”, apuntou Prieto, recalcando que “aínda que non se fale específicamente de Educación Viaria, se os protagonistas levan casco, permite que cale a mensaxe máis indirecta que directamente nos espectadores”. O autor recordou que é unha obra pensada para o público infantil “pero creo que é interesante enmarcala para un público familiar” e agradeceu e valorou a “intensísima dispoñibilidade” de actores e actrices e de todo o equipo que participa nesta obra. Finalmente, a responsable de Producción destacou o traballo realizado polos alumnos e alumnas e o equipo de Seguridade Vial incidiu na importancia da “educación en valores” e da “creación de sinerxias entre os distintos departamentos do Concello”, amosando a súa disposición a posibles futuras colaboracións. A edil de Cultura animou aos veciños e veciñas a acudir o xoves a esta estrea, dunha duración aproximada dunha hora. Con esta comedia familiar apóstase por “promover boas prácticas persoais e sociais para o coñecemento e coidado do entorno natural, potenciando a educación en valores que se difunde tamén desde o Programa de Educación Viaria do Concello”, subliñou Marián Ferreiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal