Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PLENO APROBA A PROPOSTA DO PLAN DE AFORRO E INVESTIMENTO (PAI) 2016 E O REGULAMENTO ORGÁNICO MUNICIPAL
Na sesión respaldouse unha declaración institucional en apoio aos traballadores da UTE Electrorayma-Tecman solicitando a subrogación dos seus contratos laborais nos estaleiros de Navantia Ferrol
Narón, 25 de febreiro de 2016. O goberno local aprobou no pleno a proposta sobre o Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2016 da Deputación da Coruña, unha proposta para a que o tripartito naronés –TEGA, PSOE e BNG- contou co respaldo do portavoz de EU. Con cargo ao mesmo, o Concello procederá a destinar unha partida de 540.466,59 euros á redución do endebedamento municipal e á construción de dúas minipistas polideportivas, que se localizarán nos barrios da Gándara –nas inmediacións da Praza- e no Alto –na rúa Santa Tecla-. Así mesmo, durante a sesión tamén os catro grupos anteriormente citados aprobaron o Marco orzametario 2017-2019 do Concello de Narón que, entre outras medidas, contempla unha baixada no IBI ata o 0,60 no ano 2018 e ofrece ao Concello unha serie de garantías á hora de poder asumir o gasto que podería supoñer a cofinanciación de obras a través de fondos europeos. O Regulamento Orgánico Municipal do Concello quedou tamén aprobado de xeito inicial cos votos a favor do tripartito e dos edís do PP e de EU, e o Regulamento de Distincións, Honores e Condecoracións da Policía Local saíu adiante cos votos favorables de todos os grupos menos ENE, que se abstivo. A proposta de incorporación do Concello como socio fundador na asociación sen ánimo de lucro a crear para elaborar a estratexia de desenvolvemento local participativo e concorrer aos fondos Europeos Leader de Galicia 2014-2020 aprobouse por unanimidade. O municipio, que estivo integrado no Grupo de Acción Local Costa Ártabra –que xestionou os fondos Proder II- e é socio fundador do Grupo de Desenvolvemento Rural Costa Noroeste GDR 31 –xestionou os Leader de Galicia 2007-2013- sumouse á iniciativa dos concellos que integran esta última entidade para constituír unha nova coa que poder concorrer aos citados fondos da UE. Na sesión saíron adiante por unanimidade tres declaracións institucionais. Unha delas en apoio aos 65 traballadores da UTE Electrorayma-Tecman cuxo contrato na empresa Navantia Ferrol expira o día 29 de febreiro, e para os que se pide a subrogación dos seus contratos. O documento contempla ademais trasladar á dirección de Navantia a demanda de que garanta a igualdade do colectivo cos traballadores da baía de Cádiz, aos que si subrogaron. Outra das declaracións institucionais foi para conceder a distinción simbólica como figura colectiva feminina á Escola Rural de Sedes (do Colexio Rural Agrupado) como “Escola Pioneira de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes”, co gallo dos actos do 8 de Marzo e coincidindo con 95 aniversario da fundación do centro. A terceira declaración institucional foi para apoiar a solicitude da Medalla de Galicia para o cantautor galego Andrés Dobarro. Das catorce mocións incluídas na orde do día retirouse a impulsada polo grupo de goberno e o Grupo Mixto solicitando á Consellería do Mar a retirada do anteproxecto da Lei de Acuicultura de Galicia, ao anunciar a Xunta a súa paralización. Aprobáronse as presentadas polo grupo de goberno –TEGA, PSOE e BNG- para a defensa da lingua galega a través do recoñecemento da figura e obra de Rosalía de Castro –coa abstención do PP-; para conmemorar o 8 de Marzo –o PP votou en contra e despois quedou rexeitada a súa moción sobre o Día Internacional da Muller-; e para conmemorar o cuarto aniversario da proclamación da República Árabe Saharaui Democrática (RASD) –aprobada por unanimidade-. Na sesión tamén saíron adiante a moción presentada por EU sobre o fomento do cooperativismo –por unanimidade- e a do BNG para o cumprimento real e efectivo da Carta Europea das Linguas rexionais e pormenorizadas –co único voto en contra dos edís do PP-. Pola contra, rexeitáronse as mocións de Eliximos Narón Electores sobre a adhesión do Concello á iniciativa Meta 2017, á Rede de Cidades pola bicicleta; á Rede de Entidades Locais pola transparencia e Participación Cidadá da FEMP, outra para instar ao goberno local á transformación da administración nunha administración sen papel e unha última do mesmo grupo propoñendo acordar con Ferrol unha serie de cambios nos límites comúns con Narón.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal