O VII FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "CONTA CON NARÓN" CELEBRARASE ESTA FIN DE SEMANA NO MUNICIPIO
Os participantes nesta edición son Nelson Calderón (Colombia), Boniface Ofogo (Camerún), Quico Cadaval (Galicia) e Paula Carballeira (Galicia)
Narón, 1 de marzo de 2016. A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, anunciou a celebración, a partir do día 3 de marzo, da sétima edición do Festival Internacional de Narración Oral Conta con Narón. Na convocatoria participarán este ano como convidados Nelson Calderón (Colombia), Boniface Ofogo (Camerún), Quico Cadaval (Galicia) e Paula Carballeira (Galicia), que protagonizarán sesións independentes e unha Contada Colectiva o venres, día 4, no auditorio municipal de Narón a partir das 20.30 horas. A edil de Cultura recordou que esta convocatoria nace como extensión do Festival da vila de Agüimes (Gran Canaria), que comezou o pasado 22 de febreiro e remata o 2 de marzo. A entrada para asistir á Contada Colectiva ten un prezo de 7,50 euros para o público en xeral e é gratuíta para os abonados, se ben os acompañantes destes últimos, un máximo de dúas persoas, pagarán cinco euros por cada localidade.
O Café Teatro do Pazo da Cultura acollerá este xoves a inauguración do Festival Internacional de Narración Oral Conta con Narón, a partir das 20.30 horas, co espectáculo de Nelson Calderón. Na xornada do venres terá lugar a Contada colectiva dos catro convidados e o sábado haberá dúas Contadas Infantís, coa participación de Boniface Ofogo e de Paula Carballeira.
O festival chegará tamén ás aulas dos CEIP da Gándara, A Solaina e do CPI O Feal. Os narradores Nelson Calderón e Paula Carballeira estarán o venres cos alumnos de quinto e sexto curso de educación Primaria dos colexios da Gándara e A Solaina, respectivamente, e Quico Cadaval desprazarase ao CPI O Feal, onde estará con alumnos de terceiro curso.
A cita final do programa terá lugar o sábado, con dúas Contadas Infantís que comezarán ás 12.00 horas. Os protagonistas serán nesta ocasión Boniface Ofogo, que estará no Centro Cívico Social de Xuvia, e Paula Carballeira, na Biblioteca Municipal do Alto.
A concelleira de Cultura explicou que con esta iniciativa se aposta un ano máis por achegar á cidadanía novas propostas de artes escénicas, que permitan interactuar neste caso aos narradores co público e que se realizan fóra dos espazos escénicos habituais. Marián Ferreiro destacou a calidade dos artistas convidados e animou á veciñanza a acudir a estas convocatorias nas que a través dos protagonistas teremos a oportunidade de escoitar historias moi variadas e dirixidas tanto aos adultos como ao público infantil.