O CONCELLO CONCEDE Á ESCOLA RURAL DE SEDES A DISTINCIÓN DE "ESCOLA PIONEIRA NA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE MULLERES E HOMES"
O alcalde, José Manuel Blanco, entregou un pergamiño á directora do centro, Cristina Fernández, no que se recolle o acordo, adoptado por unanimidade da corporación no pleno do mes de febreiro
Narón, 14 de marzo de 2016. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, presidiu o acto de entrega dun pergamiño á directora da Escola Rural de Sedes (integrada no Colexio Rural Agrupado), Cristina Fernández. O agasallo recoñece a labor realizada nos últimos 95 anos desde a Escola Rural de Sedes, centro ao que co gallo dos actos do Día Internacional da Muller a corporación local aprobou por unanimidade no pleno do pasado mes de febreiro- distinguir polo seu traballo a prol da loita pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través da educación, como Escola Pioneira na Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, tal e como recordou o rexedor local. Acudiron á convocatoria a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, os portavoces municipais de TEGA, Marián Ferreiro; PP, Marcos López e PSOE, Catalina García, así como familiares dos sete nenos e nenas matriculados na actualidade neste centro.
Nós consideramos a importancia deste tipo de escolas rurais para manter a poboación, asegurou Sabio, que destacou o servizo que prestaron e prestan aínda na actualidade ás familias as escolas rurais.
O alcalde apuntou en referencia ao servizo que o que naquel momento era algo moi novidoso, hoxe xa é algo natural e nós desde o Concello intentaremos continuar apoiando cos nosos medios a estas escolas. Aquí hai unha iniciativa moi importante detrás, e iso é o fundamental. Blanco procedeu a ler o texto do pergamiño aos asistentes ao acto, entre eles os nenos e nenas matriculados este curso no centro, aos que a directora preguntou onde querían colocar o pergamiño. No texto lémbrase que o filántropo oriundo de Sedes Francisco Sabín Teijeiro mercou no ano 1921 o edificio de Freixido, no que se localizan as instalacións, para convertelo en Escola de Nenos e Nenas. O centro mantén ese espírito inicial cumpridos 95 anos desde a súa fundación, baseándose na funcionalidade de educar e instruír na igualdade de oportunidades. Así mesmo, no documento incídese en que a viabilidade das instalacións está xustificada non só pola súa vocación primitiva de formación, senón en tanto en canto é motor que pode facilitar unha mellor calidade de vida na zona rural á que está adscrita, coadxuvando á fixación de poboación e como elemento dinamizador das familias.
Á Escola Rural de Sedes asisten nenos e nenas de entre 3 e 5 anos e para o vindeiro ano conta cun total de cinco matrículas, tal e como apuntou a directora do centro, que agradeceu a distinción concedida desde a corporación local de Narón.