O CONCELLEIRO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA CONVOCA AO SECTOR HOSTALEIRO LOCAL A UNHA XUNTANZA DE TRABALLO
A xuntanza terá lugar o día 11 de abril, a partir das 17.00 horas, nas instalacións da Biblioteca municipal
Narón, 7 de abril de 2016. O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, convoca ao sector hostaleiro da localidade a unha reunión de traballo que terá lugar o vindeiro luns, día 11 de abril, na Biblioteca municipal. A xuntanza, que comezará ás 17.00 horas, prográmase co fin de darlle un novo pulo, un salto cualitativo, ao programa Narón gastronómico, impulsado desde a área que preside Villamar -en vigor desde o ano 2013-, e no que se inclúen accións como o concurso de Tapas de Entroido ou a iniciativa Horta de Narón.
O edil explicou que entre as prioridades do encontro está a creación do Club Narón Gastronómico, un espazo, explicou, no que o Concello e os hostaleiros locais colaborarán na integración das diferentes actividades a impulsar para crear talento, fomentar a innovación e pór en valor a hostalería naronesa. O citado Clube contaría cunha páxina web propia e tamén disporía dunha oficina técnica a través da que se informaría aos representantes do sector das actividades a levar a cabo, tal e como apuntou Villamar.
O concelleiro naronés aproveitará ademais a xuntanza para escoitar as demandas do sector, polo que animou aos hostaleiros do municipio a acudir a esta convocatoria.