O RECINTO FEIRAL DO TRECE ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA A "VII FEIRA MULTISECTORIAL AGRÍCOLA"
O evento concentrará nas instalacións preto de corenta postos de exposición e venta de diferentes produtos e maquinaria
Narón, 7 de abril de 2016. A concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez, presentou esta mañá a sétima edición da Feira Multisectorial Agrícola que se celebrará esta fin de semana -o sábado e o domingo- no recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes. Preto de corenta de expositores procedentes de diferentes municipios da provincia amosarán aos visitantes as últimas novidades no sector, tal e como avanzou a edil naronesa. O horario de apertura do recinto será os dous días de 11.00 a 14.00 e desde as 16.00 ata as 20.00 horas. A edil naronesa explicou que como novidade, este ano haberá unha exposición de aves de corral.
O programa de actividades a desenvolver inclúe unha mostra de uso de maquinaria agrícola, talleres de poda e tamén actividades pensadas para os nenos e nenas, como obradoiros infantís (relacionados coa agricultura e o medio ambiente) e un área de ludoteca. Non faltará tampouco nesta cita unha zona de restauración, onde se poderá degustar pulpo. O domingo en horario de mañá haberá unha sesión vermú para amenizar este evento.
Os visitantes poderán ver e adquirir as últimas novidades en maquinaria agrícola, aves de corral, diversas especies de plantas e árbores froiteiras e ornamentais, doces artesáns, alimentos ecolóxicos e artículos de coiro, barro e madeira, así como alimentos para animais.
As persoas que se despracen á feira a entrada é de balde- participarán tanto o sábado como o domingo no sorteo de diferentes agasallos. Coas compras realizadas, recibirán un tícket co que poderán obter diferentes artículos que permanecerán á venta na feira.
A concelleira de Feiras e Mercados destacou a importancia desta convocatoria, que posibilitará a produtores e empresarios amosar diferentes produtos, especies e maquinaria e estar en contacto con outros profesionais do sector. Así mesmo, Gómez animou á veciñanza a acudir a esta convocatoria, incidindo na variedade da programación deste ano e tamén na cantidade e calidade dos expositores, aos que agradeceu a súa participación.