Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DUN MILLEIRO DE ALUMNAS E ALUMNOS DE COLEXIOS DO MUNICIPIO PARTICIPARON NA "IX MARCHA CICLISTA ESCOLAR"
A convocatoria enmarcouse no programa da Semana da Mobilidade e Seguridade Vial organizada polo Concello
Narón, 27 de maio de 2016. Algo máis dun milleiro de rapazas e rapaces matriculados en colexios de Narón participaron esta mañá na novena edición da Marcha Ciclista Escolar, evento incluído no programa de actos da Semana da Mobilidade e Seguridade Vial do Concello. Pasadas as 10.00 horas os estudantes saían nas bicicletas desde os seus centros escolares cara ao paseo marítimo de Xuvia, donde gozaron, a partir das 11.30 horas, dun merecido descanso, un bocadillo, auga e bebida isotónica antes de animarse a participar nunha demostración de zumba. A primeira tenente de alcalde de Narón e concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, e os edís de Seguridade Cidadá e Obras Públicas, Guillermo Sánchez Fojo e Pablo Mauriz, respectivamente, desprazáronse ao paseo de Xuvia para saudar aos participantes e comprobar, un ano máis, o éxito desta convocatoria. Sobre as 12.30 horas os rapaces e rapazas colleron de novo as súas bicis para regresar pola estrada de Castela ata os seus respectivos colexios. Os representantes do goberno local agradeceron a implicación do estudantado da localidade e tamén a súa colaboración no bo desenvolvemento da convocatoria, destacando tamén o traballo realizado pola Policía Local, o Equipo de Emerxencias de Narón, o Motoclub Fojeteiros, as Anpas dos centros e os pais e nais que participaron na organización desta cita. Tamén no marco da Semana da Mobilidade e Educación Vial do Concello se celebrou esta mañá unha actividade na escola infantil da Solaina, onde un grupo de nenos e nenas presenciou, a partir das 10.30, a representación do conto “Moucho e Cuquiña”, editado pola Concellería de Cultura e cuxa representación protagonizou persoal da Escola de Teatro do Concello de Narón. Xa pola tarde, entre as 17.00 e as 20.00 horas, terá lugar no Parque Fluvial do Río Freixeiro unha nova sesión de “Parking day”, neste caso sobre “Xogos populares”, unha actividade de balde dirixida pola Asociación Parque Freixeiro. O broche final desta convocatoria terá lugar esta mesma fin de semana no Auditorio municipal coa celebración do “I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial Cidade de Narón”, o sábado e o domingo. Un centenar de persoas inscribíronse neste evento, que inaugurará o alcalde, José Manuel Blanco, mañá ás 10.00 horas, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor. Ás 10.30 comezará o relatorio inaugural, a cargo do Fiscal de Sala e Coordinador de Seguridade Viaria da Fiscalía Xeral do Estado, Bartolomé Vargas. No segundo relatorio, desde as 11.10 horas, participará o xefe do servizo de Neurociruxía do Hospital Virgen de la Salud de Toledo, Francisco González-Llanos. As persoas interesadas en anotarse poderán facelo aínda mañá no Auditorio municipal de Narón, tal e como se indicou desde a organización. Ás 12.20 horas, tras unha pequena pausa para o café, comezará a primeira das mesas de traballo: “Seguridade, tráfico e consecuencias”, co médico Carlos Piñeiro como moderador dos relatores. Xa pola tarde, ás 16.00 retomarase o programa, cun relatorio de Carmen Silva, primeira tenente de alcalde de Pontevedra e dúas novas mesas de traballo, unha ás 17.00 horas, sobre “Proxectos e plans urbáns de seguridade viaria e mobilidade”, moderado polo arquitecto xefe dos servizos técnicos municipais de Narón, Manuel Otero. A partir das 18.40 terá lugar un relatorio sobre “A Educación Vial nas etapas educativas. A aportación dos axentes educadores”, a cargo de Violeta Manso, xefa da Unidade de Intervención Educativa do Centro Superior de Educación Vial da DXT e a continuación, sobre as 19.30, unha mesa de traballo de “Educación Viaria e formación na etapa escolar”, moderada por Constantino Fuentes, profesor de Secundaria e Bacharelato en Santiago. O domingo día 29 ás 10.00 haberá un relatorio sobre “Coordinación de programas de Educación Vial”, a cargo de María Victoria Gómez, xefa provincial de Tráfico da Coruña, e sobre as 11.30 unha mesa de traballo acerca de “Estratexias para a coordinación de programas de Educación Viaria en Galicia”, moderado por Silvia Castro, coordinadora de Seguridade Viaria da Policía Local da Coruña. O acto de clausura deste congreso será ás 12.40 horas e no mesmo intervirá o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Para obter máis información sobre o programa deste congreso pódese consultar a páxina web: www.congresoeducacionvial.es.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal