Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CONVOCA A "FESTA DO XOGO" NO PARQUE DE FREIXEIRO
A cita festiva desenvolverase na tarde do 25 de xuño e inclúe un variado programa lúdico e didáctico con numerosos xogos tradicionais
Narón, 22 de xuño de 2016. O Parque de Freixeiro acollerá este sábado, día 25, a “I Festa do Xogo” organizada polo Padroado da Cultura do Concello de Narón. A convocatoria, dirixida aos nenos e nenas pero tamén ás súas familias, desenvolverase entre as 17.00 e as 20.00 horas cun completo programa de actos lúdicos e didácticos, tal e como anunciou a edil de Cultura, Marián Ferreiro. A cita permitirá aos asistentes gozar dunha divertida xornada nos primeiros días das vacacións escolares de verán. “Trátase dunha festa na que desde o Concello apostamos por recuperar e fomentar os xogos tradicionais e, ao tempo, facer que os participantes utilicen o inxenio para a práctica dalgúns dos contemplados neste programa”, apuntou Ferreiro. Os participantes terán a oportunidade de implicarse nas múltiples actividades deseñadas para a ocasión, que van desde xogos a diferentes obradoiros, mostras e espectáculos. Talleres de chapas, de enredos con materiais da natureza e de papiroaeronáutica (cometas e avións de papel) forman parte da oferta do programa. Así mesmo, haberá xogos xigantes e tradicionais –chave, pano, brilé, pillas, tiro de corda, carreiras de sacos, tirabalas, pesca de botellas, zancos, comba, etc.- e outros de tipo musical, cos que se fomentará a música tradicional galega. A xornada completarase con exhibicións de “xogos de maiores” e espectáculos circenses como bicicletas de pequeño tamaño; monociclos, equilibrios –cable, rulo- e malabares –diábolo, bolas e mazas-. Un grupo de artesáns participará activamente na convocatoria, cunha mostra de pezas de madeira e a construción, durante a tarde, de peóns, billardas e birlos ao canteiro, con torno e machada. Na zona do Parque de Freixeiro tamén se poderán adquirir materiais de xogo, como chaves, aros, peóns, billardas e outras variedades, algunhas das cales formarán parte das mostras programadas de materiais de xogo, enredos e publicacións. O poeta e monologuista galego Celso Sanmartín será o protagonista da xornada de contacontos que terá lugar durante a tarde. A concelleira de Cultura destacou a variedade do programa, coa que se aposta por “ofrecer á veciñanza unha tarde de ocio na que os nenos e nenas de diferentes idades poidan gozar de múltiples actividades e nas que tamén queremos que se impliquen os seus familiares”.

<<< Outubro 2022 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17 18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
www.naron.es