RECEPCIÓN NO CONCELLO A CATRO NENAS E UN NENO DE CHERNÓBIL QUE PASARÁN O VERÁN CON FAMILIAS DE ACOLLIDA EN NARÓN
A colaboración entre o Concello e a ONG Ledicia Cativa permite aos menores afectados pola radiación e procedentes de zonas de "desastres ecolóxicos" mellorar o seu estado de saúde
Narón, 28 de xuño de 2016. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, a concelleira de Acción Social, Catalina García, e representantes dos grupos da corporación local asistiron á recepción que tivo lugar no Concello ás catro nenas e un neno procedentes de Chernóbil e que pasan parte do verán na localidade. Á convocatoria acudiron, ademais dos representantes políticos e os menores, as familias de acollida e a presidenta da ONG Ledicia Cativa, Montse Tuimil, a través da que se xestiona a estancia dos nenos e nenas en varios municipios galegos. O rexedor local e a edil de Acción Social deron a benvida aos participantes no programa e destacaron a colaboración das familias nesta iniciativa, indispensable, subliñaron, para poder manter este programa coa citada asociación. Os menores recibiron uns agasallos e tamén se entregou ás familias un vale por importe de 60 euros para canxear por material nunha libraría da localidade. É unha gran satisfacción como alcalde poder participar neste tipo de iniciativas, vendo o resultado práctico deste tipo de programas que se desenvolven coa colaboración da administración pública e das familias, incidiu o alcalde.
Evgeny Chernyzhevskiy, Margarita Shupikova, Ekaterina Chalykh, Sofia Snytko e Anastasia Atroshenko, de entre 8 e 13 anos, chegaron o pasado 23 de xuño a Narón e permanecerán na localidade ata o 25 de agosto cun total de catro familias. A convocatoria concíbese como un programa de acollida temporal en proceso recuperativo de saúde de menores rusos afectados pola radiación de Chernóbil e procedentes de zonas de desastres ecolóxicos da Federación Rusa.
A ONG Ledicia Cativa, son sede en Ourense, traballa con preto de corenta concellos galegos, varios da provincia da Coruña, entre eles o de Narón, que participa nesta convocatoria por terceiro ano consecutivo. O primeiro ano pasaron o verán en Narón un neno e unha nena de Chernóbil e nesta ocasión repiten os cinco que estiveron na localidade -tamén en réxime de acollida- o pasado verán, tal e como recordou a concelleira de Acción Social.