LUNA MUÍÑO LÓPEZ E ALEJANDRO ÁLVAREZ PERMUY, GAÑADORES DO "VIII CONCURSO DE DEBUXO INFANTIL" CONVOCADO POR COSMA
O alcalde, José Manuel Blanco, o edil de Servizos, Ibán Santalla e o xerente de Cosma, José Manuel Marcote, entregaron os premios aos dous gañadores e aos catro finalistas do certame
Narón, 4 de xullo de 2016. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, presidiu o acto de entrega de premios aos gañadores da oitava edición do Concurso de Debuxo Infantil convocado pola empresa mixta de augas da localidade, Cosma. O ciclo da auga, unha aventura para valentes foi o lema elixido para a actual edición, na que participaron un total de 220 escolares dos centros educativos da localidade. Á entrega de premios acudiron, ademais do rexedor local e dos galardoados xunto cos seus familiares, o edil de Servizos, Ibán Santalla, e o xerente de Cosma, José Manuel Marcote. Os representantes municipais e da empresa felicitaron aos premiados en particular e, en xeral, a todos os participantes e aos seus pais, nais e profesorado dos centros educativos que se implican ano tras ano nesta iniciativa.
Na modalidade de alumnado de terceiro e cuarto curso de educación Primaria a gañadora foi Luna Muíño López, de terceiro curso do CEIP da Gándara. Resultaron finalistas Martín Pita Vilela, de cuarto curso do CEIP Piñeiros, e Grecia Vilas Grueiro, de terceiro curso do CPR Jorge Juan. No apartado dirixido a rapaces e rapazas de quinto e sexto de Primaria o gañador foi Alejandro Álvarez Permuy, de quinto curso do CPI do Feal. Os finalistas nesta modalidade foron Jorge Piñeiro Campaña, de quinto do CPR Santiago Apóstol e Eva López Veiga, de quinto curso do CEIP Piñeiros. Os dous gañadores recibiron como premio unha Tablet Samsung 7´´ cada un e os catro finalistas cámaras dixitais acuáticas.
O xerente de Cosma recordou que entre as finalidades da convocatoria estiveron un ano máis expresar a través dun debuxo o ciclo completo da auga desde a súa captación, tratamento, distribución e o tratamento de augas residuais. Pola súa parte, o edil de Servizos destacou a importancia de concienciar á cidadanía sobre un uso responsable deste preciado ben natural en particular, así como doutros recursos naturais, agradecendo a colaboración dos nenos e nenas nas tarefas de difusión deste necesario compromiso sobre o coidado e o respecto ao medio ambiente.