Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A COMPAÑÍA NOVA ESCENA TEATRO ABRIRÁ O CICLO DE TEATRO AFECCIONADO NO AUDITORIO MUNICIPAL
A primeira representación teatral desenvolverase o 18 de setembro e no mes de outubro o programa inclúe un total de catro espectáculos
Narón, 14 de setembro de 2016. O Ciclo de Teatro Afeccionado regresará este mes ao Auditorio municipal de Narón, na praza de Galicia. Así o confirmou a concelleira e vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, que anunciou que a primeira das representacións contempladas neste ciclo será A apócema, de Nova Escena Teatro, o vindeiro domingo día 18. A entrada aos espectáculos, que continuarán no mes de outubro, é de balde. A posta en escena das cinco obras contempladas no programa terá lugar a partir das 20.00 horas. A Federación Galega de Teatro Afeccionado organiza estas convocatorias, que coordina a asociación teatral O aturuxo de Melpómene e que contan coa colaboración do Padroado da Cultura de Narón. O vindeiro mes de outubro participarán no Ciclo de Teatro Afeccionado as compañías, Tiruleque Teatro, que o día 2 representará a obra Media de callos; O aturuxo de Melpómene, que porá en escena Misterios, o día 9; Porta Aberta Teatro, o día 12 –un mércores, a única representación deste ciclo que non coincide en domingo- coa obra A casa do senador e, por último, subirase de novo ao escenario para pechar este ciclo O aturuxo de Melpómene, con Terapia de bar. As persoas interesadas en ver os espectáculos programados deben recoller as entradas, de balde, no Pazo da Cultura, podendo recibir máis información e facer reservas de luns a venres, de 10.30 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.30 e os sábados de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00. Os asistentes recibirán un agasallo conmemorativo do ciclo e tamén unha rifa coa que poderán participar no sorteo de dúas entradas para un espectáculo da tempada 2016-2017 no Pazo da Cultura, tal e como explicou a concelleira de Cultura. A edil naronesa destacou a boa acollida que teñen na localidade os ciclos de teatro que se organizan anualmente tanto no auditorio como nas parroquias –este ano convocáronse en Pedroso e San Xiao- coa colaboración do Padroado de Cultura. “É unha oferta coa que tratamos de facilitar aos veciños e veciñas a asistencia a un amplo programa con representacións teatrais dirixidas a diferentes públicos e que se desenvolven tanto na zona urbana como no rural, sempre de balde”, recordou Ferreiro.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal