O período de inscrición nas modalidades ofertadas abrirase o luns, día 26 de setembro, e as 139 prazas dispoñibles en total cubriranse por rigorosa orde de solicitude
Narón, 23 de setembro de 2016. A Concellería de Formación abrirá o vindeiro luns, día 26, o prazo de inscrición en seis novas accións formativas que se desenvolverán antes de que remate o ano. A edil responsable da área, Natalia Hermida, recordou que se trata de cursos dirixidos a desempregados da localidade maiores de 18 anos. As persoas interesadas en acudir poderán anotarse no Rexistro municipal ata o venres 30 de setembro, en horario de 8.30 a 13.00, debendo cumplimentar unhas instancias que poderán solicitar no propio Rexistro ou descargar da páxina web: www.naron.es. As prazas, un total de 139 para o conxunto das modalidades, cubriranse por rigorosa orde de inscrición. As clases terán lugar no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.
Os cursos convocados son de Atención ao público e habelencias comunicativas, de 150 horas e con 15 prazas; de Prevención de riscos laborais con Prevención de Riscos (P.R.) e Medio Ambiente (M.A.) Naval, de 76 horas e con 20 prazas; Medio Ambiente Naval e Prevención de Riscos Naval, de 16 horas e tamén 40 prazas (20 en cada unha das dúas edicións); Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos, de 5 horas e con 20 prazas; Primeiros auxilios, tamén con 20 prazas e de cinco horas, e, por último, Operador carretilleiro/a e Operador de plataforma elevadora con certificación UNE, de 35 horas e con 24 prazas (tamén con dúas edicións de doce alumnos ou alumnas cada unha).
Os participantes na acción formativa de Atención ao público e habelencias comunicativas abordarán temas como os procesos de venda, a venda online, atención ao público e técnicas de autocontrol, entre outros. No que respecta aos de Prevención de riscos laborais con P.R Naval e M.A. Naval e Prevención de riscos laborais e Medio Ambiente Naval trátase de áreas máis específicas para o citado sector, apostando por unha formación demandada polas empresas de cara ao posible incremento do seu plantel, axustando en certo modo os contidos ao perfil que demandan as compañías, tal e como explicou a edil de Formación. Outra das modalidades ofertadas, de Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos, dividirase en formación común e específica para os distintos sectores (alimentación, industria, hostalería). Así mesmo, o de Primeiros auxilios dará a coñecer sa técnicas básicas sobre a materia e a acción formativa de Carretilleiro/a e Plataforma Elevadora Móbil de Persoal (PEMP) con certificación UNE ensinará ao alumnado a manexar carretillas de manutención Tipo I e II según a normativa UNE 58451 e o de plataformas elevadoras de tixeira e de brazo articulado coa UNE 58923.
A concelleira de Formación, Natalia Hermida, subliñou que máis dun centenar de veciños e veciñas de Narón desempregados terán unha nova oportunidade con estas accións formativas. A edil destacou que desde o goberno local continuaremos incidindo na importancia da formación de cara a axudar na medida das posibilidades da administración local a aquelas persoas da localidade que non teñen un traballo, para que poidan ampliar a súa formación sen ter que afrontar gastos relativos á mesma e incrementando as súas posibilidades de cara a poder acceder ao mercado laboral.
As persoas interesadas en recibir máis información poden chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións: 2602; 1120;1107 e 1123).