Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CONCELLERÍA DE OBRAS DESTINA ALGO MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS AO PLAN DE MELLORA DE VIAIS NA ANUALIDADE 2015-2016
O documento contempla intervencións de asfaltado e aglomerado en viais localizados tanto na zona urbana como no núcleo rural
Narón, 1 de outubro de 2016. A Concellería de Obras de Narón destinará na anualidade 2015-2016 unha partida de 1.088.000 euros para obras de asfaltado e aglomerado en viais da zona urbana e rural da localidade. Así o confirmou o edil responsable da área, Pablo Mauriz, que destacou “o esforzo realizado un ano máis desde o goberno local por deseñar un completo plan que mellorará considerablemente o estado do firme de moitas rúas do Concello e que estará rematado a finais deste mesmo ano”. O concelleiro naronés explicou que na actualidade xa están executados os traballos de asfaltado e aglomerado das rúas Chousa da Pedra, na Faísca; Finca Isolina, Celso Emilio Ferreiro e Fonte da Cruz, na Gándara; San Luis-As Camelias e Profeco, en Piñeiros e Gatoira, no Couto. O investimento para acometer a totalidade dos citados traballos ascendeu a 129.500 euros, procedentes das arcas locais, apuntou Mauriz. Así mesmo, en proceso de contratación están as intervencións proxectadas desde a Concellería de Obras nas rúas Río Masma e Neda, na Gándara; Moeche, en Freixeiro; Río Sil, en Piñeiros; Finca Federico, en Santa Icía, e Foro-Xoán XXIII e María Vieito, en Xuvia. Estas actuacións suporán unha vez executadas un investimento de 220.000 euros, que se abonarán con cargo ao Plan de Acción Social (PAS) da Deputación da Coruña. A maiores, con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS), tamén da Deputación, está actualmente en proceso de contratación a mellora do firme en Río Pereiro-Río Baxoi, no Ponto, por un importe de 27.800 euros, tal e como recordou o concelleiro de Obras. A todas estas actuacións localizadas no núcleo urbán da localidade hai que engadir, resaltou o edil, outro plan de actuación en diversas rúas, no que se inclúen pequenas reparacións en incidencias que se van detectando. No marco deste último plan o Concello realizou a través da citada concellería un investimento de 47.000 euros máis. A cifra sitúa na actualidade o investimento total previsto para a mellora de rúas na zona urbana en 424.300 euros. O ámbito de actuación do proxecto engloba tamén diversas actuacións en camiños da zona rural de Narón. Así o especificou Mauriz, concretando que con cargo a unha partida de 242.500 euros de fondos propios do Concello xa se executaron traballos nas parroquias de Castro, San Mateo, O Val, San Xiao, Sedes e Pedroso. A maiores, con cargo ao POS investiranse 359.200 euros en viais do rural, nunha serie de obras de mellora que comezarán a executarse este mesmo mes. Aos camiños do rural destinaranse na anualidade 2015-2016 un total de 601.700 euros. O polígono da Gándara, concretamente a avenida do Mar –a principal deste parque industrial do municipio- repararase con cargo a unha partida de 62.000 euros para acometer uns traballos que están actualmente en proceso de contratación, indicou o responsable de Obras. “O goberno local proxecta este tipo de intervencións en viais do Concello a dous anos vista, pero a maiores destínanse outras partidas a tarefas de mantemento das rúas, a medida que se vai detectando a necesidade de mellora das mesmas”, explicou Mauriz. O concelleiro subliñou que a partida global de algo máis dun millón de euros representa “un investimento importante co que pretendemos ter as rúas do municipio no mellor estado posible” e asegurou que “somos conscientes de que as necesidades son moitas nesta área, pero tratamos de dar prioridade aos viais máis transitados e co firme en peor estado para así, día a día, facer que o noso concello dispoña dunhas rúas nas mellores condicións posibles”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal