Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS CELEBRARASE A VINDEIRA SEMANA CON VARIOS ACTOS NA LOCALIDADE
Unha xornada de portas abertas, troco de libros, contacontos, exposicións e a "biblioteca na rúa" forman parte da programación deseñada desde a Concellería de Bibliotecas
Narón, 21 de outubro de 2016. A conmemoración do Día Internacional das Bibliotecas, que terá lugar o 24 de outubro, celebrarase no municipio naronés con varios actos organizados pola concellería da área, presidida pola edil Mercedes Taibo. A primeira das citas terá lugar o vindeiro luns, día 24, e consistirá nunha xornada de portas abertas, a desenvolver de 11.00 a 12.00 para o público adulto e de 18.00 a 19.00 para todas as idades. Así o explicou a concelleira naronesa, ao indicar que a actividade consistirá nunha visita guiada polo edificio, dando a coñecer así as instalacións á cidadanía, incluso algúns espazos aos que habitualmente non teñen acceso as veciñas e os veciños, como o depósito e o arquivo, entre outros. As persoas interesadas en acudir á cita deben anotarse previamente, podendo facelo hoxe, mañá ou o luns pola mañá –para a visita do luns á tarde neste último caso-, no mostrador da Biblioteca municipal ou chamando ao número de teléfono 981 382 173. Na xornada do luns 24 tamén terá lugar a actividade “Trocolibros”. A edil de Bibliotecas asegurou que se trata “dunha magnífica oportunidade para trocar os libros que temos na casa e xa non utilizamos”. Na planta baixa da Biblioteca instalarase unha mesa na que se poderán ver os diversos exemplares e realizar o intercambio ou, no caso de así desexalo, levar algún libro aínda que non se deixe outro a cambio. O límite estableceuse nun exemplar, tanto para doar como para levar, según especificou Taibo. A terceira das actividades programadas para o día 24 de outubro é un curso de Manexo básico do smartphone, no que participarán oito persoas e que se desenvolverá na Casa da Mocidade ata o 29 de outubro en horario de 19.00 a 21.00. A concelleira de Bibliotecas avanzou tamén que na programación se inclúe, tal e como vén sendo habitual nos últimos anos, a celebración da actividade “A biblioteca na rúa”. O día 29 deste mes “trasladarase” a Biblioteca á praza de Galicia, de 10.30 a 14.00 e desde as 16.30 ata as 19.30. “As veciñas e os veciños de Narón poderán coñecer de primeira man todos os servizos que se ofrecen na Biblioteca municipal”, apuntou Taibo, que destacou a variedade de actos programados desde área municipal de Bibliotecas para desenvolver co gallo do Día Internacional das Bibliotecas. A maiores desta convocatoria, o día 29 entre as 11.00 e as 12.00 haberá unha sesión de contacontos a cargo de Manuel Solla, baixo o título: “Conto contigo”. “Trátase dunha xornada na que buscamos a implicación dos nenos e nenas, que poderán gozar de divertidas sesións de contacontos, títeres, maxia e animación partindo do mundo dos libros como eixo central”, explicou a concelleira de Bibliotecas. Xa pola tarde, de 17.00 a 19.00, desenvolverase un obradoiro de chapas personalizadas e graffiti, unha actividade na que de novo a biblioteca e os libros serán o tema central. Esta última proposta consistirá na elaboración dun mural colaborativo –poderán participar todas as persoas que o desexen, sen necesidade de inscrición previa- feito con lemas escritos polos participantes e aos que ao final dará forma un graffiteiro profesional. Así mesmo, nas instalacións pode verse estes días a mostra fotográfica “A Biblioteca está presente”, na que se destaca o papel das bibliotecas en diferentes ámbitos. A exposición permanecerá instalada ata o 29 de outubro e poderá verse no horario de apertura da Biblioteca municipal (de luns a venres de 9.30 a 13.30 e de 16.00 a 21.00 e os sábados desde as 10.00 ata as 13.00). “Un ano máis, desde a Concellería de Bibliotecas apostamos por celebrar o Día Internacional das Bibliotecas con varias propostas, tratando de implicar á cidadanía nas variadas actividades a desenvolver tanto dentro como fóra da Biblioteca municipal, unhas instalacións que a principios deste ano celebraban a emisión do carné do socio número 16.000, unha cifra que se incrementa día a día”, subliñou Mercedes Taibo.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal