O EXALCALDE ANTONIO MARTÍNEZ ANEIROS AGRADECEU AO CONCELLO E ÁS ENTIDADES DO VAL A HOMENAXE QUE LLE RENDERON CON MOTIVO DOS ACTOS DO DÍA DE NARÓN
O que fora o primeiro alcalde da etapa democrática de Narón dá nome a una rúa e a un complexo social na súa parroquia natal, o Val
Narón, 26 de novembro de 2016. O exalcalde naronés, Antonio Martínez Aneiros ten desde hoxe unha rúa propia na súa parroquia natal, O Val, e tamén dá nome a un complexo social que aglutina varias instalacións da zona, como o local social, a escola, a pista deportiva cuberta e o centro de saúde. O alcalde naronés, José Manuel Blanco, presidiu esta tarde o acto no que Martínez Aneiros descubriu as placas tanto da rúa perimetral á cooperativa do Val- como do complexo de instalacións localizadas na zona. A convocatoria, que deu comezo ás 17.00 horas, pechou o programa de actos co que o Concello conmemorou este ano o Día de Narón (23 de novembro).
Martínez Aneiros, acompañado do alcalde e de representantes da corporación local, exedís, familiares e amigos, agradeceu esta homenaxe, impulsada pola AVV Os Irmandiños do Val, respaldada pola Fundación Terra de Trasancos e a Sociedade Deportiva O Val e aprobada por unanimidade no pleno municipal do pasado mes de outubro. Tivo na súa intervención Martínez Aneiros palabras de recordo para os exconcelleiros e concelleiros naroneses, o alcalde, os funcionarios municipais e a súa secretaria particular na súa etapa política, así como para a súa familia, os impulsores do acto e os asistentes ao mesmo. Valoro que esta homenaxe estea promovida polas asociacións da parroquia na que nacín, asegurou, antes de facer un repaso pola súa vida política e tamén polos tempos vividos despois. Pasar da ditadura militar á democracia non resultou barato, custou moito, a min incluso ter que ir a prisión, pero por fin fomos aprendendo, uns mellor que outros, a vivir en democracia, algo que a sociedade aínda agora descuida ás veces con relativa frecuencia, asegurou. Emocionado, agradeceu expresamente o apoio da súa muller, Marisa, que non o puido acompañar no acto e das súas fillas, Judith, Ruth e Sabela, as tres presentes hoxe, polo cariño que me prestaron cando acertei e cando non foi así.
A continuación, o alcalde entregoulle os dous pergamiños da declaración institucional do Complexo Social Antonio Martínez Aneiros e do nomeamento da rúa. Blanco recordou que hai máis de cincuenta anos que coñece a Martínez Aneiros. O primeiro libro prohibido que lin na miña vida, que iba temblando cando o levei para a casa, conseguímolo de Antonio un grupo de rapaces que nos reuníamos nun baixo das vivendas sindicais: La madre, de Máximo Gorki, que nos animou a seguir lendo. Blanco repasou algunhas vivencias con Martínez Aneiros e a súa etapa do grupo de Aneiros, e tamén aludiu ao ano 1983, cando el estaba na AVV da Gándara e o exalcalde lle pediu que fose nas súas listas electorais. Que va
Iso non é o meu
díxenlle, pero animoume e aceptei ir catro anos
e vou cumprir trinta e catro no Concello de Narón, apuntou. Blanco mencionou algunhas dificultades dos primeiros tempos na política e valorou o traballo da primeira corporación explicando que deseñou un plan, cando non había nada, que aínda hoxe marca o futuro de Narón, pensando en cousas como escolas, centros de saúde, pistas polideportivas no rural, que parecían imposibles, pero conseguírono e marcaron o que hoxe é Narón, a oitava cidade de Galicia.
Finalmente, o rexedor asegurou que o de hoxe foi un día moi especial para Narón, abordando unha parte da vida política de Martínez Aneiros, alcalde de Narón entre 1979 e 1985 e deputado no Parlamento Galego do 1985 ao 1989. Dende hoxe o Concello pode presumir de ter unha rúa nesta acolledora parroquia cun significado moi especial para todos os veciños e veciñas e tamén estamos orgullosos deste Complexo Social Antonio Martínez Aneiros, subliñou o alcalde. Agradeceu tamén aos impulsores desta homenaxe a súa proposta e, en particular, a labor de Antonio Martínez Aneiros na cidade.
A continuación actuou a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura, que interpretou o Himno Galego, e antes de dar por finalizado o acto os asistentes degustaron uns pinchos no local social do Val.