Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
VINTE DOS VINTE E UN CONCELLEIROS DA CORPORACIÓN LOCAL REPROBARON NUN PLENO EXTRAORDINARIO A ACTITUDE DO EDIL DE ENE
O alcalde, José Manuel Blanco, instou a Alfonso Casal a reflexionar sobre a súa actitude ao producirse esta situación por primeira vez no Concello en trinta e oito anos
Narón, 28 de novembro de 2016. O salón de plenos aprobou esta mañá a reprobación do concelleiro de Eliximos Narón Electores (ENE), Alfonso Casal Pita, ao que se lle require que asuma responsabilidades políticas debido aos feitos denunciados polos representantes dos empregados municipais do Concello –presentes hoxe na sesión- e pola utilización “espuria e abusiva” de medios municipais, vulnerando o código ético do Concello. Vinte dos vinte e un edís da corporación local votaron a favor desta reprobación nunha sesión que deu comezo ás 12.00 horas. A sesión comezou coa lectura da solicitude do pleno extraordinario, asinada polos portavoces do grupo de goberno (TEGA, PSOE e BNG) e tamén da oposición (PP e EU). Nese documento os edís alertan da utilización, por parte de Casal Pita, de maquinaria municipal “para a realización dun número inxente de impresións fóra do horario habitual de traballo do persoal municipal, máis de seiscentas”, e traballos, apuntan, “cuxo nome non garda relación coas competencias municipais do edil (traballos de enxenería, matermáticas, etc.)". Trala elaboración dos pertinentes informes para clarificar os feitos, instouse a Casal Pita a cesar o uso do consumo de medios municipais para actuacións non relacionadas co seu cargo no Concello. No relativo aos funcionarios, os representantes do colectivo denunciaron o “uso ilexítimo e con fins políticos de informes emitidos por funcionarios no exercicio das súas funcións”, aos que se deu difusión a través de redes sociais do edil e do propio partido ao que representa. Así mesmo, denunciaron que “estamos asistindo a un ataque gratuíto e falto da máis mínima solvencia por parte de Alfonso Casal, dirixido contra a profesionalidade, independencia e obxectividade do colectivo de empregados municipais”. Na súa intervención, Casal Pita recoñeceu un “uso equivocado da máquina, imprimindo en cor moitas copias en negro”. O edil recoñeceu que “regalou” algunhas copias aos veciños impresas no Concello e asegurou que “non fuximos de facer fronte ao pago daquelas que poidan ser consideradas fóra do uso normal do cargo”. Incluso argumentou que con maior picaresca pola súa parte, os feitos pasarían desapercibidos se cambiase o nome dos arquivos impresos. Lonxe de desculparse polas críticas formuladas ao colectivo de funcionarios, actitude que en múltiples ocasións lle recriminou o alcalde, José Manuel Blanco, nos plenos municipais, Casal Pita asegurou –avivando o malestar dos funcionarios presentes na sesión- que “máis do 50% da corrupción que temos ou tivemos en España, e seguramente quedarei moi curto, puido producirse grazas á acción ou a omisión dos funcionarios”. Ademais engadiu que “nunca cuestionei aos funcionarios”, dixo Casal Pita, para a continuación recoñecer que “si o seu traballo”. O edil de ENE foi máis alá, instando aos propios funcionarios a reprobar a actuación dos seus compañeiros en lugar da súa propia. Ao final da súa intervención, Casal Pita, pediu exclusivamente desculpas “ás persoas que se viron afectadas pola publicación do seu nome, froito dun erro, e contra as que non teño nada, a intención era discrepar sobre o contido do documento”. Un erro polo que o edil non pretende asumir responsabilidade algunha. Chegado o turno de intervención dos portavoces municipais, Marián Ferreiro, de Terra Galega, lamentou o feito de ter que convocar un pleno con esta orde do día porque, dixo “consideramos que non se debía ter chegado a este punto, pero non podemos deixar pasar por alto esta situación”. A portavoz de TEGA instouno a presentar as denuncias oportunas no xulgado, no caso en que detecte esas presuntas irregularidades das que fala habitualmente sobre varias cuestións relacionadas co Concello. Amosou Ferreiro a súa sorpresa, ao igual que outros voceiros da corporación, polo feito de que en Xunta de Portavoces Casal Pita recoñecese que gastou cartos públicos para cuestións particulares e no pleno de hoxe pretendera desdicirse. Así mesmo, lamentou que denigrase aos funcionarios municipais falando de ilegalidades, mencionando frases habitualmente empregadas por este colectivo, con perlas tales como que “os informes que non hai por donde collelos, que os técnicos fan os cálculos a ollo de bo cubeiro, entre outras”. Tamén afeou a súa conduta discriminatoria ao facilitarle fotocopias a diversos veciños mentres que outros vénse obrigados a pagalas do seu propio peto. Ferreiro recordoulle que incumpre a práctica totalidade dos artigos do código ético do Concello que el mesmo aprobou, como: a falta de lealdade, o uso abusivo dos medios, uso partidista, falta de respecto e abuso da súa posición de concelleiro. Rematou amosando o total respaldo de TEGA aos funcionarios municipais e valorando o seu traballo. A portavoz do PSOE, Catalina García e o do BNG, Pablo Villamar, concordaron coas verbas de Ferreiro. Pola súa parte, o alcalde, José Manuel Blanco, defendeu de novo a labor dos funcionarios municipais e lamentou que Casal Pita arremetese outra vez no pleno contra o colectivo de funcionarios e políticos, acusándoo de “manipular”. Á vista da súa actitude, animouno a acudir ao xulgado no caso de detectar posibles irregularidades. Así mesmo, o rexedor local respostou ás críticas de Casal Pita, explicando que o número de horas que lle asina o alcalde é o que el presenta e recordándolle que os grupos teñen axudas económicas, teléfono, posibilidade de realizar fotocopias e despacho no Concello. Sobre a proposta de pagar as copias, Blanco incidiu en que se trata dunha cuestión de ética e no tocante aos informes, subliñou que o Tribunal de Contas recibe a documentación pertinente sen detectarse problema algún e tamén lle recordou que a Valedora do Pobo lle arquivou dúas denuncias recentemente. O alcalde rematou a súa intervención pedíndolle ao representante de ENE que reflexione sobre a súa actitude porque, sinalou, “cando isto acontece por primeira vez en trinta e oito anos de democracia, algo fará mal vostede”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal