Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A FUNDACIÓN CNAE OUTORGOU AO CONCELLO O PREMIO AO COMPROMISO COA SEGURIDADE VIAL E A MOBILIDADE SOSTIBLE POLO PROXECTO "APRENDE PEDALEANDO"
A iniciativa promove a educación viaria no entorno escolar a través do uso da bicicleta e implicou a máis de dous mil escolares de dez centros de ensino da cidade
Narón, 2 de decembro de 2016. A Fundación da Confederación Nacional de Autoescolas (CNAE) entregará ao Concello de Narón o Premio ao Compromiso coa Seguridade Vial e a Mobilidade Sostible pola campaña “Aprende pedaleando”, desenvolvida polo equipo de Educación Viaria de Narón con preto de dous mil alumnas e alumnos dunha decena de centros escolares da cidade. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, valorou a concesión deste premio, na que foi a primeira edición dos Premios Fundación CNAE e avanzou que representantes da corporación local se desprazarán o vindeiro mes de marzo a Madrid para recoller o galardón. O edil estivo acompañado na rolda de prensa polo equipo de Educación Viaria de Narón, formado por Pedro Caneiro, Simón Cabarcos e Sonia López. O concelleiro naronés destacou que este é o terceiro premio que recibe o Concello a nivel nacional –despois dos concedidos pola plataforma Atresmedia a través da campaña “Ponle Freno”, na modalidade “Junior” no ano 2010, conxuntamente co colexio da Solaina polo pintado dun circuíto de educación viaria no centro, e outro en 2014 pola “Mellor Acción de Seguridade Viaria”. “Como concelleiro de Seguridade Cidadá e de Transporte e para o Concello de Narón, é toda unha satisfacción a concesión deste novo premio, despois de máis de dez anos traballando desde esta administración en materia de Seguridade Vial”, destacou. Sánchez Fojo agradeceu o traballo do equipo de Educación Viaria de Narón pola súa implicación nas diversas actividades programadas nesta área ao longo do ano con diferentes colectivos e tamén do xurado que acordou a concesión deste premio “a un Concello de 40.000 habitantes no que apostamos por educar aos nenos e nenas desde pequenos en Seguridade Viaria”. O proxecto “Aprende pedaleando” ten entre os seus obxectivos, indicou Sánchez Fojo, “promover a educación viaria no entorno escolar a través do uso da bicicleta, como medio de ensino fóra das aulas para os rapaces e rapazas”. En representación do Equipo de Educación Viaria, Simón Cabarcos destacou o traballo realizado en materia de “mobilidade e prevención en medios de transporte sostible” e asegurou que “buscamos seguir avanzando neste camiño, no que recuperamos tamén un espazo das rúas para os nenos e nenas”. Pola súa parte, Sonia López, resumiu parte das iniciativas desenvolvidas no ano 2015, a través das que xurdiu a posibilidade de presentarse a este premio e asegurou que a concesión do mesmo anima aos integrantes deste equipo a seguir traballando nesta liña. Finalmente, Pedro Caneiro agradeceu a participación dos docentes, nenos e nenas, Anpas, empresas e de todos aqueles colectivos que colaboraron para poder desenvolver esta actividade. O xurado que concedeu o premio reuniuse o pasado mes de novembro en Madrid para avaliar as candidaturas e emitir o seu fallo e estivo presidido por José Blas, vicepresidente da CNAE. Foron tamén galardoados nesta edición Industrias del Neumático SA, co Premio á Innovación en Seguridade Vial e Mobilidade Sostible, por facer un gardarraís de caucho a base de neumáticos reciclados, e RTVE co Premio á Mellor Labor Divulgativa, polo seu programa “Seguridade Vial”. Finalmente, Sánchez Fojo incidiu na aposta do Concello en materia de Educación Viaria recordando que nos vindeiros meses se desenvolverán os programas “Camiño Escolar Seguro”, con rutas para que os nenos e nenas vaian a pé aos colexios; “Bica e arrinca”, delimitando un espazo para que os pais e nais despidan aos nenos no centro e a habilitación de estacionamentos disuasorios para evitar problemas ás horas de entrada e saída dos colexios.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal