Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DUN CENTENAR DE ESTABLECEMENTOS ADHERÍRONSE Á CAMPAÑA DE NADAL ORGANIZADA POLO CONCELLO E A ASOCIACIÓN DE COMERCIANTES DE NARÓN
Entre o 19 de decembro e o 7 de xaneiro a clientela optará a varios premios en metálico, descontos e outros agasallos por realizar as súas compras nos comercios da cidade
Narón, 15 de decembro de 2016. O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar e Olga Ameneiro e Mónica Cereijo, en representación da Asociación de Comerciantes de Narón, presentaron esta mañá unha nova edición da Campaña de Nadal que se desenvolverá desde o vindeiro luns, día 19, ata o 7 de xaneiro na localidade. Máis dun centenar de establecementos da cidade sumáronse xa a esta convocatoria, a través da que se sortearán varios agasallos, tal e como se avanzou. “Calquera persoa que o queira pasar ben este Nadal terá que vir a Narón porque hai moitas actividades e ademais os comerciantes de Narón ofrecen unha gran variedade de produtos de calidade e con varios sorteos e agasallos para a clientela”, asegurou Villamar, que animou á veciñanza a realizar as súas compras no comercio local. O edil naronés explicou que se procederá ao sorteo de catro cestas con produtos de Nadal e indicou que para participar entregaranse previamente tickets polas compras realizadas nos establecementos locais implicados na campaña. Tamén se sortearán entre a clientela, apuntou, catro vales, dous por un importe de 500 euros e os dous restantes de 300 euros cada un. En canto ás actividades, Mónica Cereijo indicou que un ano máis estará operativo o tren turístico de Nadal, que percorrerá a estrada de Castela do 26 ao 29 de decembro, en horario de 11.00 a 13.00 e desde as 16.00 ata as 20.00. As saídas serán da parada de bus localizada xunto ao Concello, tanto pola mañá como pola tarde, e o tren irá recollendo á xente que queira subir nas outras paradas do citado vial, sempre que queden prazas libres para as viaxes. Nos establecementos comerciais, explicou, entregaranse de balde coas compras tickets para poder subir, pero ademais poderanse adquirir a un prezo simbólico dun euro no propio tren. “Con esta proposta tratamos de animar as festas tanto aos máis pequenos da casa como aos maiores”, destacou Cereijo. Pola súa parte, a presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón, Olga Ameneiro, indicou que un total de corenta e dous establecementos da cidade participan nunha campaña solidaria específica de recollida de alimentos, xoguetes e roupa para o Centro de Recursos Solidarios de Narón, que estarán debidamente identificados cun cartel. En canto ás doazóns, Ameneiro recalcou que desde o Centro de Recursos Solidarios se fixo fincapé en que nestas datas o que máis se precisa son alimentos para o almorzo e conservas. A presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón avanzou tamén que os comerciantes premiarán aos clientes cuns “sobres sorpresa” que lles entregarán coas compras, cos que se poderán beneficiar de agasallos e descontos en diferentes establecementos da cidade. Os locais adheridos este ano á Campaña de Nadal poden consultarse a través da web: www.comerciodenaron.es, se ben, tal e como se indicou hoxe, poderán sumarse durante o período de vixencia desta proposta todos aqueles que o desexen e aínda non se anotaron.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal