Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO E O CÓNSUL XERAL DE CUBA APOSTAN POR MANTER AS VÍAS DE COLABORACIÓN INICIADAS NA DÉCADA DOS ANOS 90 DESDE O MUNICIPIO
O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e os portavoces dos grupos políticos da corporación local recibiron no Concello ao Cónsul xeral de Cuba en Galicia, José Antonio Solana
Narón, 9 de marzo de 2017. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, recibiu hoxe no seu despacho ao cónsul xeral de Cuba en Galicia, José Antonio Solana, cargo que ostenta desde o ano 2013. Ao acto acudiron os portavoces de todos os grupos políticos da corporación local naronesa: Marián Ferreiro (Terra Galega); Catalina García (PSOE); Pablo Villamar (BNG); Marcos López (PP) e André Abeledo (Grupo Mixto-EU), así como a coordinadora local de EU, María Belén Aneiros e o catedrático da UDC Xosé María Dobarro. O acto deu comezo ás doce do mediodía. O alcalde deu a benvida ao Concello ao cónsul. “Os lazos que ten Narón con Cuba veñen dos anos 90 e sempre foron moi bos no senso de que houbo unha colaboración con aquilo que nos pedían en cada momento. Nós temos cada ano no orzamento unha cantidade de axuda ao exterior para diferentes países, entre eles Cuba”, explicou o rexedor local. Unha das colaboracións desde Narón foi o envío de material escolar e medicamentos á illa, tal e como se solicitou daquela, e tamén vehículos de recollida de lixo, recordou Blanco, que destacou que incluso se colabora habitualmente coa Universidade Ciego de Ávila. De alí procederá un dos grupos que acudirá este ano a Narón en xullo ao Festival Internacional de Folclore: Telón Abierto, trala visita realizada pola Banda de Gaitas e o Grupo de baile do Padroado da Cultura o pasado ano á illa. O alcalde aludiu tamén ao irmanamento de Narón co Cerro da Habana, aprobado no ano 2001. “A nosa idea é continuar colaborando con vós se é posible no futuro, a partir desta reunión xestionada por André Abeledo”, apuntou. Tanto o rexedor local como o cónsul cubano recordaron numerosas anécdotas durante a reunión. Este último agradeceu publicamente a colaboración prestada desde Galicia a Cuba “ao largo da nosa historia, estando sempre moi presente, dende galegos ilustres que pasaron por Cuba, como Rosalía de Castro, ou os propios Castelao e Neira Vilas, entre outros”. Solana considerou “punteira” a relación de Galicia con Cuba e destacou que na actualidade máis dun centenar de empresas desta comunidade operan na illa, ademais doutras colaboracións a nivel cultural, concretamente no cine, e político. “Nós estamos moi satisfeitos do cariño e o afecto dos galegos e galegas con Cuba, que é notorio e palpable”, recalcou. O alcalde naronés explicoulle a José Antonio Solana a “idiosincrasia política” de Narón, unha cidade na que todos os partidos políticos da corporación, independentemente das súas siglas “miran hacia diante en determinadas cuestións polo interese do Concello, traballando en conxunto, e non impoñendo o partidismo sobre as necesidades do municipio nin sobre os intereses da veciñanza”. “A nosa idea é colaborar coas necesidades de Cuba cando aprobemos os orzamentos a través dunha partida específica que temos para axudas ao exterior”, apuntou Blanco. O cónsul ofertou a posibilidade de que unha delegación política e outra de empresarios naroneses visitasen a illa de xeito oficial, da que poder obter, indicou, “resultados de traballo concretos”. Blanco comprometeuse a analizar as posibles alternativas para decantarse, en canto sexa posible, pola máis factible. Como agasallo institucional o cónsul recibiu un lote de libros do Concello de Narón. José Antonio Solana asinou tamén no Libro de ouro da cidade, no que deixou escrito: “Con honor y profundo agradecimiento dejo el abrazo entrañable de mi pueblo a esta tierra hermana, Narón”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal