O CONCELLO ACOLLEU O ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DO "V CONCURSO DE TAPAS DE ENTROIDO"
Os locais de hostalería A Trasanquesa, O Muíño, O Pío, Silver 200 Monjes, Casa Sindo e Restaurante Carballo resultaron galardoados nas diferentes modalidades desta edición do certame, na que tamén se premiou a cinco clientes que valoraron as tapas dos establecementos
Narón, 15 de marzo de 2017. O Concello de Narón acolleu hoxe o acto de entrega dos premios do V Concurso de Tapas de Entroido organizado pola Concellería de Promoción Económica e o Club Narón Gastronómico. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco presidiu o acto, acompañado polo edil da área, Pablo Villamar e representantes dos seis locais de hostalería premiados nesta edición do certame, que se desenvolveu do 23 de febreiro ao 1 de marzo na cidade. O restaurante A Trasanquesa, o mesón O Muíño, O Pío, Silver 200 Monjes, Casa Sindo e Hostal Restaurante Carballo son os gañadores do Concurso de Tapas de Entroido deste ano. O alcalde e o edil de Promoción Económica felicitaron aos representantes dos establecementos gañadores, agradecéronlles a súa participación e animáronos a continuar colaborando neste tipo de iniciativas.
O Restaurante A Trasanquesa fíxose co premio da votación popular na modalidade de Tapa de Entroido coa proposta: Saquiños do Entroido e o Mesón O Muíño co concedido tamén pola clientela na modalidade de Tapa de libre Creación, coa elaboración Crocante de porco esmiuzado, polenta e salsa de Tamarindo. Cada un destes premios ten unha dotación económica de 250 euros, ademais dun diploma. Nos establecementos participantes recolléronse un total de 11.394 papeletas, coas que a clientela valorou as citadas modalidades de tapas que optaban ao premio da votación popular.
No que respecta aos premios concedidos polo xurado, os gañadores na modalidade Tapa de Entroido foron o Mesón O Pío, que levou o primeiro premio co seu: Rolo de grelos recheo de cocido montés adubiado con ceboleiro de Soutelo, e o Silver 200 Monjes, cun segundo premio coa: Follada de lacón con grelos. A dotación destes galardóns é de 400 e 250 euros, respectivamente. Na modalidade de Tapa de Libre Creación, os gañadores foron Casa Sindo, que obtivo o primeiro premio con Steak tartar de solombo de atún (cuxos responsables non puideron acudir hoxe ao acto de entrega), e o Hostal Restaurante Carballo, co segundo posto, con Porquiño ao abrigo, cunha dotación de 400 e 250 euros, respectivamente e tamén coa entrega dos pertinentes diplomas. O xurado estivo composto por Pablo Villamar, concelleiro de Promoción Económica; José Luis Suárez e Eliseo Faraldo, ambos membros da Asociación Gastronómica Os Cazoleiros.
No certame participaron un total de vinte e dous establecementos de hostalería de Narón, tanto da zona urbana como rural, que presentaron en conxunto trinta e dúas elaboracións gastronómicas nas modalidades de Tapa de Entroido e de Libre Creación, doces e salgadas, que se puideron degustar e valorar coas papeletas que se distribuíron e recolleron nos propios locais de hostalería.
Os establecementos que participaron foron os seguintes:
Cervexaría Australian. Tapa de Entroido: Lacónica
Cervexaría Índalo. Tapa de Entroido: Xeado temperado do Entroido
Cervexaría O Druída. Tapa de Entroido: Horta de Narón; Tapa libre: Panko-mido
Bar Vituco. Tapa de Entroido: Cocido ibérico. Tapa libre: Polbo con ameixas e callos
Gastrobar Piñeiros. Tapa de Entroido: Filloa de grelos e puré de pataca con crocante de lacón.
Mesón O Pío. Tapa de Entroido: Rolo de grelos recheo de cocido montés adobiado con ceboleiro de Soutelo; Tapa libre: Bandullo do Pío
Restaurante A Trasanquesa. Tapa de Entroido: Saquiños de Entroido. Tapa libre: Ancas de rá con salsa Trasanquesa
Cafetería Soul. Tapa de Entroido: Lasaña de orella con grelos. Tapa libre: Mexillóns en salsa de coco
Parrillada do Couto. Tapa de Entroido: Lasaña de cocido
Café-bar Gola. Tapa de Entroido: Torrada. Tapa Libre: Tortilla
Folsom-La Quinta. Tapa libre: Tapa La Quinta.
Cervexaría Nueva Orleans. Tapa de Entroido: Tapa de Entroido.
Cervexaría Ponte Castela. Tapa de Entroido: Bolo sorpresa
Romero I: Tapa de Entroido: Cocido Romero
Romero II: Tapa de Entroido: Cocido Romero
Silver 200 Monjes: Tapa de Entroido: Hojaldre de lacón grelos
La Barra de Oro: Tapa de Entroido: Filloa rechea de crema de oruxo ; Tapa libre: Delicia salgada
Hostal Restaurante Carballo: Tapa de Entroido: Porquiño ao abrigo
Mesón O Muíño: Tapa de Entroido: Quiche de lacón con grelos con escuma de queixo San Simón; Tapa libre: Crocante de porco esmiuzado, polenta e salsa de tamarindo
Mesón O Conxuro: Tapa de Entroido Conxuro de Entroido. Tapa libre: Tapa o Meigallo
Casa Sindo. Tapa libre: "Steak tartar de solombo de atún
Café Bar Ortegal. Tapa do Entroido: Pastel de Entroido; Tapa libre: Pincho cebicheiro.
Así mesmo, trala entrega dos premios económicos procedeuse a sortear no Concello un total de cinco ceas para dúas persoas entre o público que emitiu os seus votos sobre as elaboracións presentadas a un apartado do certame (o valorado en votación popular). Como mans inocentes para retirar as 11.394 papeletas actuaron o alcalde, José Manuel Blanco, a primeira tenente de alcalde, Marián Ferreiro, e o edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, xunto cos outros dous representantes do xurado, José Luis Suárez e Eliseo Faraldo. Os gañadores foron: Martín Serantes; María Angélica de Juan, Roberto Álvarez, Belén Ferreiro e Manuel Fiestras. Todos eles recibiron esta mesma mañá unha chamada da organización do evento para comunicarlles que resultaran premiados nesta edición do certame.