O ALCALDE RECOLLEU EN MADRID O "PREMIO AO COMPROMISO COA SEGURIDADE VIARIA E A MOBILIDADE SOSTIBLE" CONCEDIDO POLA FUNDACIÓN DA CONFEDERACIÓN NACIONAL DE AUTOESCUELAS
O acto, que se celebrou no Hotel Ritz de Madrid, valorou a campaña "Aprende pedaleando", impulsada polo Concello de Narón a través do equipo de Educación Viaria e que obtivo un premio de 3.000 euros e unha escultura realizada polo artista plástico Manuel Gandullo
Narón, 23 de marzo de 2017. A Fundación da Confederación Nacional de Autoescolas entregou onte no Hotel Ritz de Madrid os premios convocados na que foi a súa primeira edición- pola entidade. O xurado da convocatoria concedeu o Premio ao Compromiso coa Seguridade Viaria e a Mobilidade Sostible ao Concello de Narón, pola campaña Aprende pedaleando, impulsada polo equipo de Educación Viaria de Narón. O alcalde, José Manuel Blanco, foi o encargado de recoller o galardón durante o transcurso da gala, que se prolongou durante algo máis dunha hora. Acompañaron nesta ocasión ao rexedor local no acto o concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, e Pedro Caneiro e Simón Cabarcos, en representación do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón. Tamén estiveron presentes, entre as autoridades, o presidente da Fundación CNAE, José Miguel Báez; Teófilo de Luis, presidente da Comisión de Seguridade Viaria no Congreso; o Fiscal de Sala do Tribunal Supremo Coordinador de Seguridade Viaria, Bartolomé Vargas; o presidente da Fundación Española da Seguridade Viaria (Fesvial), Luis Montoro, e a subdirectora xeral de Políticas Viarias da Dirección Xeral de Tráfico, Mónica Colás. Á convocatoria asistiron unhas duascentas persoas.
O alcalde naronés, que recibiu o premio de mans do presidente de Festival, Luis Montoro, recoñeceu na súa intervención que é unha honra para todos os naroneses e naronesas recibir este recoñecemento por parte da Fundación da Confederación Nacional de Autoescolas. Blanco destacou o recoñecemento do xurado á campaña Aprende pedaleando impulsada nos centros escolares da localidade co fin de fomentar o uso da bicicleta como ferramenta de ensino fóra das aulas. Esta iniciativa é unha aposta máis da administración local naronesa por fomentar a seguridade e a educación viaria entre os 40.000 habitantes da cidade, prestando especial atención aos nenos e nenas, apuntou o alcalde naronés, que valorou a implicación ao cen por cento tanto do equipo de Educación Viaria do Concello como da veciñanza da cidade.
Así mesmo, Blanco recordou que máis de catro mil rapaces e rapazas de diferentes idades participan en Narón nos múltiples programas impulsados en materia de seguridade viaria, entre os últimos, citou as propostas Bica e arrinca, Camiños seguros e o de Aparcamentos de proximidade. Grazas ao esforzo de milleiros de persoas e a estas iniciativas promovidas desde a administración local hoxe por onte- podemos recoller este novo froito dun traballo que consideramos básico e imprescindible, subliñou. Aludiu tamén o rexedor local naronés na súa intervención á necesaria colaboración entre administracións para impulsar este tipo de iniciativas, co fin de que a seguridade tanto dos peóns como dos condutores sexa prioritaria á hora de proxectar actividades e novas infraestruturas e servizos nos concellos.
Rematou a súa intervención Blanco agradecendo o traballo realizado polo actual edil de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, e os seus antecesores no cargo, así como polos integrantes do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón: Pedro Caneiro, Simón Cabarcos, Sonia López e Anabel Bello. Tamén agradeceu a implicación dos centros educativos e familias da localidade que, recalcou, en definitiva, son os que fan posible o éxito deste tipo de programas e sen cuxa colaboración sería imposible recibir recoñecementos como este. Este Premio ao Compromiso coa Seguridade Viaria e a Mobilidade Sostible concedido ao Concello de Narón é tamén un premio a todos eses centros educativos e familias que se implican nestes programas, asegurou Blanco para, por último, agradecer e valorar o excelente traballo realizado pola Fundación da Confederación Nacional de Autoescolas.
O Concello recibiu 3.000 euros e unha escultura do artista plástico Manuel Gandullo, titulada Caminos del saber. Trátase dunha peza realizada en fundición de bronce patinado sobre unha pedra de granito de cor negro. A figura representa unha L, como mostra da aprendizaxe dos coñecementos teóricos, e consta tamén dun volante como símbolo desa aprendizaxe no manexo dos automóbiles, tal e como se indicou desde a Fundación CNAE. A peza está coronada por tres vías cun nudo de enlace, representando a complexidade do tráfico e a zona pola que se debe circular, e en conxunto representa a labor que desenvolven os profesionais das autoescolas cos futuros condutores, explicaron desde a CNAE.
Ademais do Concello de Narón resultaron tamén premiados nesta primeira edición a empresa Industrias del Neumático SA, co Premio á Innovación en Seguridade Viaria e Mobilidade Sostible, por inventar un gardarraíl fabricado con pneumáticos reciclados, e Radio Televisión Española, co Premio á mellor labor divulgativa, polo seu programa Seguridad Vital. Así mesmo, entregouse a Medalla de Ouro da Fundación CNAE a Cruz Roja Española.