OS ORZAMENTOS MUNICIPAIS DE 2017 CONTARÁN CO APOIO DO EDIL DE EU NO PLENO DESTE MES
O documento contable ascende a 29,9 millóns de euros e tanto o tripartito como EU coinciden en destacar a importancia de priorizar medidas para garantir a protección social
Narón, 25 de abril de 2017. O portavoz de Esquerda Unida no Concello, André Abeledo, mantivo onte unha reunión trala Xunta de Portavoces- co edil de TEGA Guillermo Sánchez Fojo e cos portavoces de PSOE e BNG, Catalina García e Pablo Villamar, respectivamente, para abordar as propostas presentadas por EU para os orzamentos municipais de 2017. Trala xuntanza Abeledo manifestou que respaldará o documento que se presentará ao pleno do vindeiro xoves, día 27, no que se someterán a aprobación os orzamentos.
Os representantes do goberno local agradeceron a posición seria e rigorosa de EU, pola súa oposición construtiva. Pola súa banda, André Abeledo asegurou, seguindo a liña do goberno local, que a prioridade son os veciños e as veciñas de Narón, por riba de calquera interese persoal ou de partido. Algúns dos plantexamentos formulados por EU coinciden cos promovidos desde o goberno local e xa recollidos no orzamento, como o incremento das partidas destinadas a dependencia, recursos e iniciativas para o coidado do medio ambiente; actuacións en materia de accesibilidade e saneamento e dinamización de actividades culturais ou relacionadas co emprego, entre outras, como o fomento do cooperativismo.
O tripartito naronés e o portavoz de EU no Concello incidiron en que os orzamentos municipais deben priorizar medidas encamiñadas a garantir a protección social e coincidiron na necesidade de aprobalos para que o documento contable entre en vigor. Desde o goberno local subliñouse ademais o feito de que o espírito do orzamento que mantén o tripartito e o de EU coinciden, co que valoramos o respaldo ofrecido polo edil deste grupo da oposición á proposta que se levará ao pleno do xoves.
O orzamento do Concello de Narón, presentado o pasado 20 de abril, ascende este ano a 29,9 millóns de euros, unha cantidade que supera nun millón de euros ao de 2016 e coa que desde o goberno local se continúa na liña defendida polo tripartito para "ofrecer á veciñanza de Narón servizos de calidade e priorizando a atención ás persoas máis necesitadas.