OS ENCANTOS TURÍSTICOS DE NARÓN E COMARCA PROMOCIONARANSE EN PORTUGAL CUN STAND INFORMATIVO EN EXPOCIDADES
O evento celebrarase os días 15, 16 e 17 de xuño na localidade de Vila Real e contará coa asistencia dun funcionario do Concello de Narón e unha informadora turística da Mancomunidade
Narón, 13 de xuño de 2017. O Concello de Narón participa en Portugal en Expocidades, con información turística da cidade e, por primeira vez, cos recursos turísticos do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas. Esta Mostra Turística das Cidades do Eixo Atlántico terá lugar na localidade portuguesa de Vila Real, os días 15, 16 e 17 deste mes. A edil de Turismo de Narón, Natalia Hermida, recordou que Narón, como membro do Eixo Atlántico, participa sempre en Expocidades, que se celebra cada dous anos, alternándose entre Galicia e Portugal. O ano pasado plantexou á Mancomunidade a posibilidade de que a maiores de información turística de Narón se levase a este evento a relativa ao sector dos municipios que integran o Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, proposta aceptada no seu día polos representantes do organismo.
Un funcionario do Concello de Narón asistirá á cita xunto cunha informadora turística da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrolterra. Unha vez en Expocidades, desde o stand de información turística Narón-Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas ofrecerase aos visitantes completa información sobre os atractivos turísticos non só do Concello de Narón, senón tamén dos integrantes do citado Xeodestino: Ferrol, A Capela, Ares, As Pontes, As Somozas, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, Valdoviño e Vilarmaior.
Recomendacións sobre posibles lugares de interese para visitar, establecementos donde comer ou durmir, aportación de material informativo e merchandising, e entrega dunha mostra de pementos do Couto facilitados pola Cooperativa do Val- forman parte do traballo a realizar desde Expocidades.
A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol conta cun convenio coa Xunta de Galicia para promocionar o turismo do Xeodestino Ferrolterra Rías Altas, e esta promoción forma parte dese acordo.
A concelleira de Turismo de Narón, Natalia Hermida, destacou a importancia de que os concellos da comarca estean presentes este ano en Expocidades, o que nos permitirá ofrecer aos visitantes do evento información global sobre os recursos turísticos dos municipios de Ferrol, Eume e Ortegal, recalcou. Así memo, a edil incidiu en que se trata dunha oportunidade única para facilitar ademais de información de Narón, a doutros concellos que forman parte do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, o que é moi positivo de cara a promocionarnos conxuntamente para atraer visitantes á comarca, a través dunha marca conxunta que ten moito que ofrecer.
Hermida subliñou ademais a necesidade de continuar avanzando nesta área, de modo conxunto entre as administracións, para aproveitar todos os concellos calquera oportunidade que se nos brinde para promocionar o Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas.