ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NUN TALLER DE ELABORACIÓN DE SOBREMESAS DIRIXIDO AO SECTOR HOSTALEIRO LOCAL
O Concello organiza esta acción formativa, enmarcada programa Narón Gastronómico e que se desenvolverá o vindeiro mes de xullo
Narón, 22 de xuño de 2017. O sector hostaleiro da localidade empresarios dos negocios e os seus empregados- é o destinatario dun obradoiro teórico práctico de elaboración de sobremesas organizado pola Concellería de Promoción Económica, que dirixe o edil Pablo Villamar. A iniciativa enmárcase no programa Narón Gastronómico e terá lugar nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz os días 4, 5 e 6 de xullo en horario de 17.00 a 20.00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o vindeiro 28 de xuño chamando ao número de teléfono 607 082 232 ou a través do correo electrónico: narongastronomico@naron.es.
O encargado de impartir o obradoiro é Pedro Espasandín, da Escola Obradoiro Gascón e autor do libro Repostería sin azúcar. No curso abordaranse as diferentes técnicas que se poden empregar para a elaboración de sobremesas. O programa inclúe ademais unha importante carga práctica sobre as distintas bases (biscoitos, pastas
), o emprego de espesantes e xelificantes para os recheos, así como nocións sobre xeadería básica, empratado e outras técnicas de atemperado e utilización de chocolate para distintas decoracións.
O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, explicou que a través desta iniciativa, apostamos por intensificar a colaboración co sector hostaleiro da cidade en diferentes áreas, incluíndo a formación. O edil naronés lembrou que todos os locais de hostalería de Narón poden sumarse, de balde, ao Club Narón Gastronómico, -a través do enlace: http://clubnarongastronomico.naron.gal/ - o que lles permitirá beneficiarse das diferentes accións que ao longo do ano se organizan para o colectivo a través do Concello naronés. Na actualidade, unha trintena de establecementos do sector están adheridos a esta iniciativa, que xurde a través do programa Narón Gastronómico, creado no ano 2013.