Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
XOÁN CURIEL E NAJLA SHAMI INAUGURARON O PROGRAMA MUNICIPAL "VERDE QUE TE QUERO VERDE"
A praza Irmáns Freire, en Xuvia, acolleu os primeiros espectáculos desta proposta de ocio e cultura que continuará os domingos do mes de xullo en diferentes espazos verdes da cidade
Narón, 2 de xullo de 2017. A Praza Irmáns Freire, en Xuvia, acolleu os dous primeiros espectáculos do programa “Verde que te quero verde”. Xoán Curiel e Najla Shami foron os encargados de inaugurar esta convocatoria, que se desenvolverá todos os domingos do mes de xullo en diferentes espazos verdes da cidade a partir das 12.30 horas. As concellerías de Cultura, Festas e Servizos, presididas polos edís Marián Ferreiro, Mar Gómez e Ibán Santalla, respectivamente, colaboraron na organización deste evento, dirixido ao público familiar e infantil. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e os edís responsables das citadas áreas organizadoras, así como outros representantes do goberno local, presenciaron esta mañá os espectáculos de Curiel e Shami, que despertaron o interese de maiores e tamén dos nenos e nenas, que gozaron dunha proposta divertida, ao tempo que didáctica e de balde, na mañá do domingo. O protagonista do primeiro espectáculo, Xoán Curiel, animou aos menores coas súas inxeniosas cancións, interactuando durante o seu espectáculo cos nenos e nenas e coas súas familias. O artista, un dos valores máis destacados do actual panorama musical galego, interpretou temas do seu terceiro disco, Estamos no verán, con divertidos temas que fixeron gozar ao público durante toda a actuación, de aproximadamente media hora de duración. Unha vez que rematou Curiel chegou o turno da cantante Najla Shami. Ela encargouse de dar continuidade ao programa “Verde que te quero verde” na praza Irmáns Freire. O jazz, o funk e o word music fusiónanse nos temas desta artista, de pai palestino e nai galega, dúas culturas que marcan o seu traballo, que comezou coa música tradicional e co paso do tempo foi avanzando cara a outros estilos, unha evolución da que esta mañá deu boa conta Najla Shami na Praza Irmáns Freire, facendo gozar ao público alí presente. A vindeira cita do programa “Verde que te quero verde” será o domingo 9 de xullo, no parque da rúa 25 de Xullo, no Alto do Castiñeiro. Nesa ocasión serán Magín Blanco e TinoProyecttio os encargados de animar ao público asistente. Un contacontos musicado é a proposta que traerá o día 9 a Narón Magín Blanco, que co seu espectáculo estimulará a creatividade e a curiosidade dos nenos e nenas polas letras, a música e a lingua. Pola súa banda, Carlos Mosquera e José Ocampo, de TinoProyecttio, interpretarán varias cancións, de moi variados estilos e coas que versionarán algúns dos temas máis recoñecidos dos Beatles, Bowie, Elvis Presley ou Miguel Ríos, entre outros. A programación deste mes continuará o 16 de xullo na Rúa Campoamor, na Gándara, con Inacio Vilariño e Telón Abierto (da Universidad Ciego de Ávila, Cuba) e rematará o 23 de xullo na Rúa Francisco Pizarro, con Gloria Mosquera e Blah!. Desde as Concellerías de Cultura, Festas e Servizos animaron á cidadanía a asistir a estes espectáculos, “unhas propostas diferentes para as mañás dos domingos, pensadas para todo tipo de públicos e que se desenvolven en zonas verdes da cidade, gozando da música, da cultura e tamén dalgúns dos diversos parques e prazas localizados en diferentes barrios de Narón”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal