A CONCELLERÍA DE FESTAS ORGANIZA UN OBRADOIRO DE PERCUSIÓN E DANZAS AFRICANAS NO PAVILLÓN DA MOCIDADE
A cita, enmarcada no programa municipal "Móvete", terá lugar o 29 de xullo e as persoas que desexen participar deberán anotarse ata cubrir as prazas dispoñibles
Narón, 24 de xullo de 2017. A Concellería de Festas, dirixida pola edil Mar Gómez, programou unha nova actividade de ocio alternativo destinada a todos os públicos e enmarcada no programa Móvete. A cita terá lugar o vindeiro sábado, 29 de xullo, nas instalacións do Pavillón da Mocidade, na Gándara, e consistirá nun Obradoiro de percusión e danzas africanas que impartirá Mbolo Mooye Doolé, unha agrupación musical africana cunha gran traxectoria neste tipo de actividades e cuxo nome en wólof, a lingua máis falada en Senegal- responde á consigna A unión fai a forza.
As persoas que desexen asistir deberán inscribirse previamente, chamando a partir deste mércores, día 26, ao número de teléfono 981 337 700 (ext.1075), en horario de 8.30 a 13.00 horas. O obradoiro é de balde e os participantes non deberán levar ningún tipo de material, ao facilitárselles ese mesmo día no horario de desenvolvemento da actividade, de 11.30 a 14.00 horas. Papis Koiate, Alboury Dabo, Tama Ndiaye e Doudou Ngom serán os encargados de impartir este obradoiro.
Esta proposta, tal e como apuntou Mar Gómez, ofrece á veciñanza a posibilidade de realizar unha actividade mediante a que poderán coñecer máis polo miúdo algunhas das músicas e danzas propias da cultura africana a través dun grupo de profesionais da percusión e dos ritmos característicos deste continente, destacou Mar Gómez. A edil animou á cidadanía a anotarse nesta actividade de ocio e cun marcado carácter intercultural, unha actividade de balde para os veciños e veciñas e a través da que aprender algunhas das tradicións culturais doutros países, apuntou.