O CONCELLO AMPLÍA O PRAZO DE SOLICITUDE DE SEIS CURSOS DO PROGRAMA MUNICIPAL DE FORMACIÓN
As accións formativas diríxense a persoas desempregadas, empadroadas en Narón e maiores de 18 anos, tal e como recalcou a concelleira da área, Natalia Hermida
Narón, 25 de agosto de 2017. A concelleira de Formación, Natalia Hermida, anunciou a ampliación do prazo de solicitudes da convocatoria para un total de seis accións formativas do Programa municipal de Formación 2017. As convocatorias diríxense a persoas desempregadas, empadroadas en Narón e maiores de 18 anos, tal e como recalcou a edil naronesa. Nesta ocasión os cursos para os que se amplía o prazo son de Soldadura MAG, Prevención de riscos laborais, Medio ambiente e PRL Naval con dúas edicións-, Traballos en altura e verticais, Mellora da empregabilidade e Autoemprego.
O prazo de solicitudes para a acción formativa de Soldadura MAG permanecerá aberto desde o vindeiro luns, día 28 ás 8.30 horas ata o 7 de setembro ás 13.00 e o formulario de solicitudes está dispoñible no Rexistro Xeral do Concello de Narón, podendo tamén descargarse da páxina web do Concello de Narón, a través do seguinte enlace: http://www.naron.es/web/docs/formacion/SOC14_2017-Soldadura-instancia.pdf. As persoas interesadas en realizar o curso deben acreditar no momento da solicitude de inscrición un mínimo de seis meses de experiencia profesional como soldador/a, un informe da vida laboral actualizado e contrato/s de traballo que acrediten a citada experiencia. A convocatoria, tal e como recordou Hermida, terá unha duración total de 250 horas as últimas 100 serán de prácticas profesionais non laborais en empresas do sector- e diríxese a un máximo de quince alumnos/as. As sesións formativas desenvolveranse nas instalacións do Centro Municipal de Formación da Gándara, a partir do 11 de setembro, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00.
No caso das cinco accións formativas restantes Prevención de riscos laborais (20 persoas), Medio ambiente e PRL Naval (20 persoas), Traballos en altura e verticais (12 prazas), Mellora da empregabilidade (15 persoas) e Autoemprego (15 prazas)- o prazo de solicitude estará aberto desde o 11 de setembro ás 8.30 horas ata o 22 de setembro ás 13.00.
Os cursos impartiranse nas instalacións do Centro Municipal de Formación, na Gándara. O de Prevención de riscos laborais, de 60 horas, será do 31 de outubro ao 16 de novembro; o de Medio Ambiente e PRL Naval terá dúas edicións, de 16 horas cada unha e que serán do 11 ao 18 de outubro e do 17 ao 22 de novembro; o de Traballos en altura e verticais, de 40 horas, será do 24 de novembro ao 5 de decembro; o de Mellora da empregabilidade, de 50 horas, do 21 de novembro ao 5 de decembro e, por último, o de Autoemprego, de 100 horas, do 23 de outubro ao 20 de novembro. As instancias para solicitar estas cinco accións formativas poden recollerse no Rexistro municipal do Concello de Narón ou descargalas a través do enlace: http://www.naron.es/web/docs/formacion/SOC14_2017ampliación.pdf.
Nestas accións do Programa Municipal de Formación 2017 os interesados poderán indicar a orde de preferencia das accións formativas, cos números 1 e 2, podendo solicitar como máximo dous cursos.
As persoas interesadas en solicitar máis información ao respecto poden facelo a través do Servizo Sociocomunitario Municipal, chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións: 2602, 1123, 1120 ou 1107).
Estas accións formativas suman case seiscentas horas de formación e permitirán á veciñanza desempregada de Narón ter a oportunidade de formarse en diferentes especialidades a través deste programa municipal impulsado polo Concello de Narón, destacou a responsable da área de Formación do Concello.