O evento desenvolverase o día 3 de setembro en horario de mañá e tarde, cunha gran variedade de actividades e xogos para nenos e maiores
Narón, 31 de agosto de 2017. O Parque fluvial do Río Freixeiro acollerá este domingo, día 3, a cuarta edición da Festa Infantil Cidade de Narón. A concelleira de Festas, Mar Gómez, deu a coñecer hoxe as actividades que se desenvolverán de 12.00 a 14.00 e desde as 16.00 ata as 20.00 horas. A edil de Festas destacou que se trata dunha serie de propostas pensadas tanto para o público infantil como o adulto, para poder gozar todos xuntos dun día de festa participando activamente neste evento que se convoca desde o Concello.
Ao longo da mañá e da tarde, a partir das 12.00 e das 16.00 horas, as persoas que se acheguen ao Parque de Freixeiro terán a oportunidade de divertirse nos inchables (algúns deles acuáticos), camas elásticas, wipe out, na torre multiaventura con tirolina, no rocódromo, practicar o fútbol en burbulla ou subirse aos karts a pedais.
Así mesmo, tal e como apuntou Gómez, a partir das 12.00 horas, na zona do escenario haberá un espectáculo de teatro para bebés: "Tufina, unha princesa porquiña" e ás 13.00 unha "Escola de Teatro" con malabares, mimos e acrobacias. Xa pola tarde, ás 18.00 horas terá lugar o espectáculo de circo "Circanelo", a modo de fusión de acrobacias, danza e circo e ás 19.00 horas comezará a "Festa da espuma", que se iniciará cunha batalla de auga.
A edil de Festas recordou ademais que durante toda a xornada os asistentes terán a oportunidade de ver doce ilusións ópticas do Mago Romarís, unha proposta, indicou, máis orientada ás persoas adultas pero que tamén será do gusto dos de menor idade. Este ano ampliamos a oferta de actividades nesta Festa Infantil debido a que se trata dun evento que reúne no Parque de Freixeiro a moitas veciñas e veciños de Narón, pero tamén chegados doutros concellos da zona, e trataremos de que todos e todas teñan a oportunidade de gozar con nós desta festa de fin de verán, destacou Mar Gómez. A edil naronesa convidou á veciñanza a asistir a este evento, no que a diversión está garantizada, asegurou.