O Patrón da Policía Nacional celebrouse cunha misa na igrexa de Santa Rita e coa condecoración de oito axentes no Pazo da Cultura
Narón, 2 de outubro de 2017. A igrexa de Santa Rita de Xuvia e o Pazo da Cultura acolleron os actos programados para conmemorar o Día dos Santos Anxos Custodios, patrón da Policía Nacional. Ao acto relixioso asistiu a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e outros integrantes da corporación local; o comisario xefe da Comisaría de Ferrol-Narón, Fernando Pico; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, a xuíza decana de Ferrol, Amelia Pérez; o fiscal xefe de Ferrol, Miguel Armenteros; o almirante do Arsenal de Ferrol, Antonio Duelo e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, xunto con outras autoridades civís e militares. Finalizada a misa os asistentes dirixíronse ao Pazo da Cultura, donde se procedeu á imposición de condecoracións a oito funcionarios da Policía Nacional en recoñecemento aos seus méritos profesionais.
O comisario Xefe da Comisaría Ferrol-Narón, Fernando Pico, subliñou na súa intervención que a profesionalidade da policía está fóra de toda dúbida e destacou a loita e aposta decidida dos axentes pola prevención para protexer a vida, as liberdades e as garantías e dereitos dos cidadáns. Aludiu Pico á falta de recursos humáns na Comisaría de Ferrol-Narón e marcou entre os novos retos para o vindeiro ano mellorar a formación da policía, as condicións laborais do Corpo, reducir os tempos de resposta policial e manter e mellorar na medida do posible os resultados do seu labor. O comisario agradeceu finalmente a colaboración do Concello de Narón por acoller nas instalacións do Pazo parte dos actos desta celebración.
Trala intervención do comisario procedeuse a impoñer as condecoracións. A alcaldesa de Narón foi a encargada de entregar a Cruz ao Mérito Policial con distintivo branco ao Comisario de Ferrol-Narón, Fernando Pico, e tamén lle entregou a condecoración ao axente Diego Peña. O comisario xefe, o alcalde de Ferrol, o conselleiro de Política Social, o almirante Xefe do Arsenal e o fiscal xefe da Área de Ferrol entregaron as dos outros seis axentes homenaxeados no acto: Luis Francisco García, José Antonio López, Genma Durán, Jesús Blanco, Enrique Gómez e Antonio Neira.
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, destacou na súa intervención o traballo dos Corpos e Forzas de seguridade do Estado, como garantes da convivencia e amosou a súa gratitude en xeral aos que cumpren co seu deber dun xeito eficaz e, en particular, aos axentes condecorados no acto que tivo lugar no Pazo da Cultura.
O labor dos Corpos de Seguridade foi tamén valorado polo alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, que incidiu en que a comarca é unha das que rexistra un dos índices de criminalidade máis baixos do Estado grazas ao voso traballo diario.
Marián Ferreiro foi a encargada de pechar o acto, felicitando na súa intervención aos homenaxeados en particular e agradecendo aos axentes da Policía Nacional o seu intenso traballo diario para velar cada día pola nosa seguridade. A alcaldesa de Narón valorou tamén o labor do resto de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, dos xuíces e dos fiscais. Así mesmo, a apelou á necesaria colaboración entre as administracións e subliñou a importancia da colaboración cidadá para que así Narón e a comarca continúen sendo un referente a nivel autonómico en materia de seguridade. Ferreiro ofreceu toda a colaboración necesaria desde o Concello de Narón para acadar a máxima seguridade no concello e na comarca e instou ás administracións supramunicipais a unir esforzos para non escatimar recursos económicos e incrementar persoal e medios nos Corpos e Forzas de Seguridade.